Axencia Galega das Industrias Culturais

Xunta de GaliciaAxencia Galega das Industrias Culturais

Espazo Radioescénico

Acto de entrega do V Premio Diario Cultural de Teatro Radiofónico

Promove: CENTRO DRAMÁTICO GALEGO e RADIO GALEGA

O Centro Dramático Galego (CDG) e a Radio Galega organizan o acto de entrega do V Premio Diario Cultural de Teatro Radiofónico, no transcurso do que Xosé Manuel Pacho Blanco recollerá os galardóns do xurado e do público pola obra Paraísos, cunha dotación económica de 3.000 euros en ambos casos.

Como en anteriores edicións, utilizouse o formato de "espazo radioescénico" para deseñar este acto de entrega como unha emisión especial do programa da Radio Galega Diario Cultural. Deste xeito, Ana Romaní e Anxo Quintela serán os condutores dunha gala na que, ademais de entrevistar aos protagonistas, darán paso ás interpretacións de varios fragmentos dos textos finalistas: ademais de Paraísos, Como eliminar as manchas de vómito, de Eva Freixeira, Carne de canón, de Rebeca Montero, e Señora Carme, de Manuel Román.

No transcurso do evento, de acceso libre ata completar o aforo, presentarase asemade o libro-CD publicado por Edicións Xerais de Galicia, no que se que recolle o texto e o rexistro sonoro das catro obras finalistas.

O Premio Diario Cultural de Teatro Radiofónico, convocado pola Radio Galega e o CDG co patrocinio da Agadic (Axencia Galega das Industrias Culturais), ten entre as súas prioridades fomentar a escrita de textos dramáticos para a radio e contribuír á recuperación do formato de teatro radiofónico desde unha perspectiva contemporánea.

Datas anteriores

3 de maio
/// 20.00

Salón Teatro
Rúa Nova, 34. 15705, Santiago de Compostela
Teléfono: 881 867 229 (oficina) | 881 867 223 (despacho de billetes)