CCG: I Mostra de Danza de Galicia
Coincidindo coa conmemoración do Día da Danza (29 de abril), o Centro Coreográfico Galego organiza a I Mostra de Danza de Galicia, cunha carteleira artística de 37 compañías galegas de todos os estilos.
Programadores, distribuidores e produtores, entre outros axentes culturais, están convidados a participar nesta iniciativa, que ten como principal obxectivo reflectir diante do público o dinamismo coreográfico de Galicia, poñendo en valor a artistas tanto emerxentes como xa consolidados que desenvolven aquí o seu traballo.
Durante os cinco días que durará este encontro, o Salón Teatro amosará unha sucesión de máis de 20 pezas, cada unha delas duns 30 minutos de duración, levadas a cabo por unha ampla representación de compañías, intérpretes e creadores galegos.
A través desta iniciativa, o público poderá comparar as diferentes manifestacións desta disciplina, a calidade e variedade das propostas e a confluencia de diversas linguaxes artísticas.