BERROBAMBÁN: Pressing Catch
Autoría: Paula Carballeira
Dirección: Quico Cadaval
Este espectáculo para adultos afonda naquilo que nos impulsa a querer contemplar a violencia, desde o circo romano ata o formato televisivo do
wrestling. Pero os seus loitadores non son Hulk Hogan: son xente da vida cotiá. Así, a compañía Berrobambán fai teatro do espectáculo do
pressing catch, tomando algunhas das súas convencións: os epítetos dos loitadores, a acrobacia, a música que os acompaña... Pero introducindo variantes como o coidado dos diálogos, a presenza feminina e, sobre todo, a descontextualización da loita.
En
Pressing Catch, a loita que se realiza nos cuadriláteros, seguindo unhas normas determinadas, ocupa un espazo de ficción: o teatro. Nela, un DJ introduce personaxes tan próximos como Lola, unha muller de moito xenio que usa a violencia como sistema defensivo, que precisa botar a rabia fóra; o Hellmaster, avogado de éxito, cunha vida familiar que non é quen de xestionar; e A Chorona, que recorre á chantaxe emocional, a máis perigosa, a máis sutil. Todos eles controlados por un Árbitro que non quería selo, eterno perdedor nun mundo de gañadores. Naceu para ser heroe, pero tocoulle asumir o papel que ninguén quere: o que ten que evitar a dor, facer que a violencia sexa limpa, siga normas.
A montaxe vai alén da montaxe: amais de actuacións musicais en directo, achega pequenas curtametraxes realizadas por Carlos Alberto Alonso que contan a vida dos protagonistas cando están fóra do ring. Estas pezas audiovisuais contan con cameos estelares, intervencións de actores e actrices que o público poderá recoñecer e que se prestaron desinteresadamente a colaborar no proxecto.