Axencia Galega das Industrias Culturais

Xunta de GaliciaAxencia Galega das Industrias Culturais

SAPRISTI en coprod. co CDG:Por que o meniño se coce na polenta?

Autoría: Quico Cadaval, sobre textos de Aglaja Veteranyi
Dirección e dramaturxia: Roberto Leal

Teatro, música en vivo e un pequeno achegamento á danza contemporánea únense para dar forma á historia dunha pequena exiliada do comunismo romanés que leva unha vida circense ambulante, á que Nuria Sanz achega un intenso traballo interpretativo. Con ela sobre o escenario, Ignacio Sanz emprega toda unha serie de "instrumentos imposibles" para compoñer un espazo sonoro envolvente e evocador do universo de recordos da protagonista.

Na montaxe de Roberto Leal, Nuria Sanz sitúase no escenario para contar como Aglaja se suicidou o 3 de febreiro do 2002. Aparece como ela mesma, como unha actriz que nos vai dar unha información pero, por arte de maxia convértese na propia Aglaja contando a súa historia real. Ao tempo, a escenografía, que muda para transformarse nunha pista central cunha bancada a modo de grada, traslada o espectador a un circo. A partir de aquí establécese un xogo interpretativo entre a actriz e o seu personaxe, de xeito que se sucede a representación de imaxes tiradas da memoria e do maxín da cativa.

Durante todo o espectáculo está presente a referencia ao conto romanés que dá título á obra e que a irmá de Aglaja lle contaba cando era pequena nun intento de evadirse da realidade. A modo de xogo, o conto do meniño que ferve dentro da pota da polenta trataba de dar que pensar aos máis cativos sobre os motivos polos cales o pequecho rematara aí. Porén, Aglaja non deixaba de aterrorizarse ao pensar nun rapaz fervendo no medio deste prato de orixe italiana, pero moi habitual en Romanía.
Axudante de dirección: Gustavo Dieste
Apoio á dramaturxia: Daniel Abreu
Espazo escénico e deseño do vestiario: Marta Pazos
Deseño da iluminación: Baltasar Patiño
Paisaxe sonora: Nacho Sanz
Elenco: Nuria Sanz e Nacho Sanz

polenta

Datas anteriores

18 de marzo - 19 de marzo
/// 20.30

Salón Teatro
Rúa Nova, 34. 15705, Santiago de Compostela
Teléfono: 881 867 229 (oficina) | 881 867 223 (despacho de billetes)