ATALAYA-VACIE: La casa de Bernarda Alba
Autoría: Federico García Lorca
Dramaturxia e dirección: Pepa Gamboa
Un dos proxectos máis emblemáticos do Centro Internacional de Investigación TNT de Atalaya é o Programa Imarginario, e dentro deste, o proxecto de integración social das mulleres de El Vacie a través do teatro.
El Vacie é o asentamento chabolista máis antigo de Europa. Conta cun millar de habitantes e encóntrase a uns centos de metros do centro TNT. Despois dun obradoiro impartido por Silvia Garzón cunha vintena de mulleres de etnia xitana, Pepa Gamboa, coa asistencia de Jeroni Obrador e Silvia Garzón, decidiron poñer en escena
La casa de Bernarda Alba, unha das traxedias máis emblemáticas do poeta granadino Federico García Lorca.
A directora escénica apostou por tirar a autenticidade, a espontaneidade, o xogo, a tremenda enerxía e xenerosidade das mulleres que interpretan a obra. A imposibilidade de reter un texto para persoas sen alfabetizar que só pisaran unha vez na súa vida un teatro non foi un obstáculo para que Lorca estea presente en cada ollar, en cada pisada, en cada acción.
Investigación teatral e inclusión social foron os dous eixes sobre os cales gravitou un proxecto que espertou unha expectación mediática inusitada e cuxo resultado artístico foi gabado en primeiro termo pola propia sobriña do poeta granadino e presidenta da Fundación García Lorca e, despois, por toda a crítica da profesión teatral, así como polos máis de 30.000 espectadores que xa a presenciaron.
Con esta montaxe, Atalaya recibiu o Premio Nacional de Teatro 2008, o galardón máis importante que se entrega no ámbito teatral do estado español.