FESTIVAL SINSAL: Laetitia Sadier
A inconfundible voz de Stereolab, Laetitia Sadier, inaugura a quinta edición da extensión do Festival Sinsal en Santiago cun concerto en que presentará o seu debut en solitario,
The Trip, unha colleita de cancións de aparencia sinxela que agochan toda a profundidade que caracteriza o seu traballo desde os inicios. Fundou Stereolab xunto a Tim Gane a principios dos noventa, e axiña se converteron nunha das bandas fundamentais da década. O seu eclecticismo, do post-rock á electrónica pasando pola bossa nova, e a xa clásica ambigüidade das súas letras fixeron deles un referente para unha xeración. Laetitia é a letrista e principal vocalista, alternando ademais varios instrumentos como a guitarra, os teclados, a percusión ou o trombón. Mantén tamén desde mediados dos noventa a banda Monade, con Rosie Cuckston de Pram, coa que leva gravados tres discos, sen deixar de colaborar con outras bandas ou solistas como Mouse on Mars ou Atlas Sound.
O nome do disco,
The Trip, fai unha clara alusión á viaxe persoal ao fondo do seu traballo, á condensación de anos que se mostra por primeira vez espida. Laetitia Sadier aproveita a ocasión para amosar a súa cara menos barroca, máis directa, prescindindo dos arranxos para ofrecer a súa voz pura. A consecuencia desta escolla estética é o peso que as súas letras acadan sen nada que distraia.
The Trip é un camiño cara o interior da intérprete e da súa dor, un camiño marcado pola perda e as preguntas. Laetitia Sadier dá unha lección de confesionalidade ben entendida para iniciar unha carreira de seu que dará moito que escoitar.