COMPANHIA DE TEATRO DE BRAGA: Concerto "à la carte"
Autoría: Franz Xaver Kroetz
Dirección: Rui Madeira
Co gallo da conmemoración do seu espectáculo número cen, a Companhia de Teatro de Braga pon en escena
Concerto "à la carte", un texto do realismo alemán escrito polo dramaturgo Franz Xaver Kroetz en 1971 que versa sobre a soidade dunha muller entregada á depresión e á obsesión polas cousas ordenadas.
Baixo a dirección escénica de Rui Madeira, trátase dunha comedia social ao revés que expón un ollar frío, concreto e real da vida vivida cada vez por máis mulleres. A vida na máis crúa das rutinas. E no máis pesado dos silencios.
Así, construído en partitura de silencios, este monólogo sen palabras é un espectáculo sobre a existencia, onde durante hora e media a actriz Ana Bustorff dá vida á señora Rasch, unha muller solteira igual que tantas que habitan no apartamento do lado, que se cruzan connosco no supermercado, a quen ollamos sen ver e que morren sen sabermos.
Concerto "à la carte" retrata a historia dos días dunha muller igual que tantas, cando chega a casa, prisioneira da súa propia cabeza, das súas rutinas, do seu caos organizado no cotián. E así un día despois do outro, todos iguais, fríos e abandonados, cos labores do fogar como principal preocupación. Porén, detrás desa fachada de ama de casa habita unha muller con ilusións, que loita no seu interior entre o que quere e o que debe ser.