Axencia Galega das Industrias Culturais

Xunta de GaliciaAxencia Galega das Industrias Culturais

TEATRO DO NOROESTE: Historias peregrinas

Autoría: Miguel Anxo Murado
Dirección e iluminación: Eduardo Alonso

En Historias peregrinas , un grupo de cómicos percorre o Camiño de Santiago representando danzas da morte e, ás veces, algún auto sacramental. A causa dunha edición defectuosa do Códice calixtino, que lles serve como guía, pérdense nun bosque preto de Compostela. Están fartos de facer o que fan, particularmente o actor que fai o papel de Muerte Justiciera, convencido de que a súa vis cómica se bota a perder nun papel así, ou a actriz que fai de Gracia Santificante, ou o que fai de Demonio, que de boa gana faría teatro vangardista, moderno e a poder ser incomprensible. Así e todo, son case felices se non fose porque o actor que fai o papel de Hombre Inocente se fuga coa actriz que fai de Perdón Divino e cos cartos da recadación das últimas funcións.

Agora veranse obrigados a buscar alguén que faga de Hombre Inocente, o que non parece nada fácil nunha época en que o milenarismo, as herexías, as guerras e a peste volveron malencarado a máis ou menos todo o mundo. Tampouco o público parece gustar moito das súas representacións, sobre todo cando hai moitas execucións públicas ás que asistir, gratuítas e moito máis participativas.

Un reo dunha destas execucións escapa da xustiza e atópase co grupo dos cómicos, que buscan un Hombre Inocente para a súa obra. O xogo teatral está servido: alguén que non é o que aparenta ser facendo de alguén que é o que é no fondo, pero que non parece que sexa.

Historias peregrinas é unha deliciosa comedia sobre as comedias, unha delicada galería de personaxes eminentemente teatrais para falar da vida, da aparencia e da realidade, da razón e o absurdo de ser, e para falar do que para todo home e muller de teatro é o máis querido: o teatro. Pero falar de todo isto sen pedantería, con sinxeleza e sentido do humor.
Escenografía e vestiario: Paco Conesa
Son: Chefa Alonso
Coreografía: Chedes Suárez
Elenco: Alejandro Carro, Xan Casas, Luma Gómez, Fernando González, Julia Méndez, Mos, Victoria Pérez e Aitor Rei

Historias peregrinas

Datas anteriores

31 de outubro
/// 18.00

Salón Teatro
Rúa Nova, 34. 15705, Santiago de Compostela
Teléfono: 881 867 229 (oficina) | 881 867 223 (despacho de billetes)

28 de outubro - 30 de outubro
/// 20.30

Salón Teatro
Rúa Nova, 34. 15705, Santiago de Compostela
Teléfono: 881 867 229 (oficina) | 881 867 223 (despacho de billetes)