A PRODUCIÓNS ARTÍSTICAS: Alicia & Alicia
Autoría: Paula Carballeira
Dirección: Alfredo Rodríguez e Olga Cameselle
Un coello branco pasa por diante de Alicia que se aburre. A ela non lle resulta moi estraño que o coello diga que vai chegar tarde e que consulte un reloxo de peto que leva no sombreiro. A través desa chisteira, Alicia inicia a súa viaxe máxica por un submundo que a leva a atoparse coa outra Alicia, esa nena ou ese neno que todos temos dentro, que vive nun país baseado nunha continua ilóxica capaz de marear a calquera lóxica, onde radica o seu sentido cómico.
Tras unha longa caída, nada ten sentido. Alicia medra e mingua, as carreiras e os partidos de croquet non teñen regras, un rato conta unha historia seca, un leirón conta unha historia breve, unha eiruga azul fuma en narguilé, un gato aparece e desaparece, a Raíña de Corazóns só pensa en cortar cabezas e os seus naipes só queren compracela, para a Duquesa todo ten que ter unha moral... Alicia comeza a dubidar de quen vén sendo, de cal é o verdadeiro mundo que a rodea, da sociedade en que lle tocou vivir. Ata que esperta do soño. Ou é que en realidade sempre soñamos co mesmo?
A nova montaxe de A Producións Artísticas convida a reflexionar sobre a actualidade. Para a súa posta en escena partiuse dunha adaptación na linguaxe de narración infantil utilizada no clásico de Lewis Carroll, para enfrontala cunha linguaxe estética, musical, coreográfica e audiovisual para adultos, esta última representada nun submundo do onírico, da cultura popular, movementos socioculturais, tribos urbanas, correntes éticas e estéticas... O
punk mesturado co
grunge, o
glam co movemento
hippy, unións imposibles, mutantes que na vida real non poderían convivir, coexisten neste submundo dun xeito natural.