Ciclo ST Música Presente: Bruma
A compañía pontevedresa Bruma protagoniza a segunda das actuacións do programa "ST Música Presente" no marco da que presentará o seu primeiro traballo discográfico, o DVD
Nove espellos e unha caixa de música, editado por Cumio como resultado da gravación do espectáculo homónimo.
Consciente ou inconscientemente pasamos a vida buscando espellos humanos cuxo reflexo nos diga algo de nós. Algúns aborrecémolos, outros namórannos, pero nada, ou case nada, dura. A partir desta reflexión e nun ambiente melancólico, romántico, escuro e máxico desenvólvese esta produción onde a música é o son da danza e a danza, a imaxe do son.
Baixo a dirección artística e musical de Serxio Cobos,
Nove espellos e unha caixa de música mestura elementos circenses, toques teatrais e a atemporalidade da danza tradicional, clásica ou contemporánea (interpretada polos bailaríns Uxía Portela, Manuel Covas, María Prieto, Mercedes Prieto, Iván Costa, Miguel Fraguas e Serxio Cobos).