Axencia Galega das Industrias Culturais

Xunta de GaliciaAxencia Galega das Industrias Culturais

REDRUM TEATRO: A pensión

Autoría: Álex Sampayo, Víctor Sierra e María S. Ferreiro
Dirección: Álex Sampayo

Unha vella dominante e a súa irmá. Un mozo engaiolado nunhas mans maternais. Bonecas que falan e coñecen escuros segredos. Estritas regras que hai que obedecer. Personaxes abandonados no fío da cordura. Un conto gris sen final feliz.

A pensión é un conto de suspense que explora as consecuencias da soidade mergullándose nun mundo interior complexo, produto do abandono, do illamento e da falta de comunicación. A montaxe expón como todos estes factores poden corromper o ser humano e despoxalo da capacidade de emocionarse e de ser feliz. E como isto desemboca nunha existencia gris, marcada polo silencio, pola desconfianza e a obsesión.

A montaxe reflexiona sobre a complexidade da psique humana e sitúa a historia na decadencia dunha vellez marcada por unha vida traumatizante, retorta e escura. Trátase de introducir o espectador nunha narración fluída e directa que o sitúe nun contorno asfixiante, que represente a fraxilidade da separación entre a cordura e a loucura, a entrega e o desprezo.

A dificultade das relacións humanas e da convivencia son o fío condutor desta narración. Contar a historia de Sara, interpretada por Rosa Álvarez, é contar a historia do choque xeracional e cultural entre a mocidade e a vellez; é afrontar a dificultade de conexión entre os valores de antes e os de agora e diagnosticar, nunha lectura máis metafórica, as consecuencias de falar unha mesma lingua con diferentes significados.

Álex Sampayo, máis coñecido pola súa traxectoria no eido audiovisual, xa que dirixiu multipremiadas curtametraxes e as series de televisión Terra de Miranda , Valderrei , Padre Casares ou El Internado de Antena 3, estréase como director escénico da man da compañía santiaguesa Redrum Teatro.
Escenografía: Redrum
Música: Manuel Riveiro
Iluminación: Carlos Álvarez Ossorio
Vestiario: María Fandiño
Elenco: Rosa Álvarez, Tamara Canosa e Guillermo Carbajo

A pension

Datas anteriores

10 de outubro
/// 18.00

Salón Teatro
Rúa Nova, 34. 15705, Santiago de Compostela
Teléfono: 881 867 229 (oficina) | 881 867 223 (despacho de billetes)

9 de outubro
/// 20.30

Salón Teatro
Rúa Nova, 34. 15705, Santiago de Compostela
Teléfono: 881 867 229 (oficina) | 881 867 223 (despacho de billetes)