Circo Europa
Santiago de Compostela converterase do 17 ao 29 de xuño no epicentro do novo circo europeo da man de Circo Europa (I Encontro Jeunes Talents Cirque Europe), no cal se darán cita un total de 70 artistas emerxentes e profesionais das artes circenses e escénicas en xeral. Organizado polo Centro Dramático Galego en colaboración coa Asociación Galega de Novo Circo e Cabaré Pistacinco e co Xacobeo 2010, Circo Europa combina unha vertente estritamente formativa coa exhibición de espectáculos e outras actividades abertas tanto ao público xeral como á activa comunidade artística que se dedica ao novo circo en Galicia.
O Salón Teatro será o escenario principal deste evento, que se desenvolve ao abeiro do programa Novos Talentos do Circo Europeo (Jeunes Talents Cirque Europe-JTCE), unha iniciativa europea de apoio a novos creadores neste ámbito artístico que encabeza a asociación francesa homónima e na cal participan outras 12 entidades correspondentes a cinco polos ou grandes áreas xeográficas: Illas Británicas, Escandinavia, Europa Central, Europa do Leste e Península Ibérica, esta última representada polo CDG.
Antecedentes
A compañía pública galega implicouse activamente no desenvolvemento da edición 2009-2010 de JTCE, participando nas diferentes etapas do proceso: dende unha primeira preselección entre un total de 151 proxectos chegados de toda Europa ata a fase final, da cal saíron as dez propostas que serán apoiadas este ano, entre elas
Losing grip, do dúo galego Circo Expreso. Ademais de ser a entidade anfitrioa dunha das cinco mostras dos finalistas perante un xurado internacional, celebrada o pasado mes de xaneiro na nave da escola Circonove no polígono do Milladoiro (Ames), o Centro Dramático Galego encárgase agora da organización desta primeira experiencia europea que reunirá en Santiago destacados artistas emerxentes procedentes de once países.
Para aprender
A comisión artística de JTCE foi a encargada de seleccionar estes 21 novos creadores —sete deles galegos- convidados a participar nas actividades formativas de Circo Europa do 17 ao 26 de xuño: dez intensas xornadas de traballo de adestramento, ensaio e intercambio de experiencias baixo a coordinación da coreógrafa Fatou Traouré e do autor, director e intérprete Jean Michel Guy, presidente así mesmo do xurado de Jeunes Talents Cirque Europe. Catro mestres galegos apoiarannos á hora de abordarmos as diferentes disciplinas vinculadas ao novo circo como xénero escénico.
Ademais, e coincidindo coa actuación en Santiago da Merce Cunningham Dance Company dentro da programación do Xacobeo 2010, os participantes terán a oportunidade de asistir o día 23 a unha
master class cos responsables da compañía norteamericana. As actividades formativas complementaranse con mesas redondas en que se abordará tanto o traballo realizado dende Jeunes Talents du Cirque Europe coma a situación actual do novo circo a nivel europeo.
Para gozar
Canto ao programa de exhibición, pensado tanto para facer partícipe a cidadanía deste evento europeo como para implicar nel o novo circo galego, o Salón Teatro acollerá os espectáculos
Rúa Aire da compañía galega O Retrete de Dorian Gray (martes 22, ás 21.30 h) e
Mi otro yo da formación hispano-belga Doble Mandoble (sábado 26 e domingo 27 ás 21.30 h), así como a Circo Europa Party (martes 29, ás 21.30 h), que será o colofón desta primeira edición do encontro coa participación de artistas locais xunto con parte dos creadores europeos convidados.