Circo Europa: actividades formativas
Organiza: CENTRO DRAMÁTICO GALEGO
A parte formativa de Circo Europa terá lugar no Salón Teatro de Santiago de Compostela entre o 17 e o 26 de xuño (ambos incluídos). Durante sete horas ao día e coordinados por Fatou Traouré e Jean-Michel Guy, 19 novos artistas europeos participarán no programa formativo central do I Encontro Jeunes Talents Cirque Europe. Catro mestres galegos apoirannos á hora de abordar as diferentes disciplinas vinculadas ao novo circo como xérero escénico. Así, Cristina Domínguez impartirá o venres 25 no Salón Teatro un obradoiro de voz e, a continuación, Vicente Colomer e Jaime P. Díaz (de Nova Galega de Danza) farán o propio coa danza tradicional. Ao día seguinte, Bárbara Montegudo impartirá un obradoiro de Butoh na sala de ensaios da Agadic.
As xornadas formativas da mañá estarán dedicadas ao traballo físico en diversas vertentes. Dado o grande esforzo e desgaste que este tipo de traballo supón para un artista de novo circo, terán unha duración de tres horas e media por día. A proposta global desta parte da formación será responsabilidade da coreógrafa francesa Fatou Traouré.
As outras tres horas e media de formación estarán centradas na análise e estudo dos proxectos individuais que cada un dos artistas teña en marcha no momento do desenvolvemento do encontro. Jean-Michel Guy será o coordinador desta parte.
Ademais, e coincidindo coa actuación no Auditorio de Galicia da Merce Cunningham Dance Company dentro da programación do Xacobeo 2010, os participantes terán a oportunidade de asistiren o día 24 na sala de ensaios da nave da Agadic a unha
master class organizada en colaboración co Centro Coreográfico Galego. Será impartida por Robert Swinston, director de xoreografía da compañía norteamericana.
As actividades formativas complementaranse con varios debates abertos tanto ao resto de artistas interesados - calquera que sexa a súa disciplina- como ao público xeral. Fred Cardon, director do JTCE, dirixirá o primeiro debate que terá lugar o xoves 24 de xuño ás 20.00 h baixo o título
A nova creación en Europa e o dispositivo Jeunes Talents Cirque Europe. Jean-Michel Guy moderará o segundo debate (venres 25 de xuño ás 20.00 h) que versará sobre
As estéticas do circo contemporáneo en Francia. A entrada para asistir a estes debates é libre e gratuíta, ata completar a capacidade do Salón Teatro.