Ciré Beyè + Auguste Ouedraogo
Danza contemporánea. Extensión en Compostela de África Vive 2010
O programa cultural
África Vive —unha iniciativa do consorcio Casa África que achega o continente veciño a 12 cidades españolas a través dun amplo calendario de actividades— presenta dous espectáculos de danza contemporánea interpretados por Ciré Beyè e Auguste Ouedraogo. Organizado para conmemorar o día de África (25 de maio), o programa
África Vive celebra a súa segunda edición consecutiva e chega por primeira vez a Galicia grazas a colaboración da Consellería de Cultura e Turismo.
Esta iniciativa, coa que se pretende dar a coñecer que en África a danza é algo máis que rito e tribalismo, amosa o potencial artístico e o traballo creativo que están desenvolvendo un número importante de coreógrafos e bailaríns. Neste caso, o senegalés Ciré Beyè interpretará na sede escénica CDG un solo de 35 minutos denominado
Yonnu Adouna, sur le chemin de la vie, acompañado unicamente por unha suave luz e a música dun saxofón. Pola súa banda, o burkinés Auguste Ouedraogo, cofundador da compañía Art’Dév/Compagnie Auguste-Bienvenue, dará a coñecer a súa última creación
Tourments Noirs.