SAPRISTI TEATRO en coprodución co CDG: Por que o meniño se coce na polenta?
Estrea
Autoría: Quico Cadaval, sobre textos de Aglaja Veteranyi
Dirección e dramaturxia: Roberto Leal
A novela orixinal da autora romanesa Aglaja Veteranyi é a historia dunha pequena exiliada do comunismo romanés, que leva unha vida circense ambulante por Europa e África. Escrita a modo de diario, relata o día a día na caravana, nos hoteis e nunha residencia para contar, nun contexto tan cruento coma verdadeiro, a visión do mundo da protagonista.
No espectáculo, Nuria Sanz sitúase no escenario para contar como Aglaja se suicidou o 3 de febreiro do 2002. Aparece como ela mesma, como unha actriz que nos vai dar unha información pero, por arte de maxia, convértese na propia Aglaja contando a súa historia real. Ao tempo, a escenografía, que muda para transformarse nunha pista central cunha bancada, sitúa o espectador nun punto de vista non determinado dun circo. A partir de aquí establécese un xogo interpretativo entre a actriz e a súa personaxe, de xeito que se sucede a representación de imaxes tiradas da memoria e do maxín da cativa: Aglaja vella, Aglaja morta, Aglaja meniña, a súa nai colgándose dos cabelos ou o seu pai facendo de pallaso.