COMPANHIA LEÕES DE CIRCO: A Descoberta das Américas
Extensión en Compostela do FITEI 2010
O malfeitor e fanfurriñeiro Johan Padan, sempre en fuga da fogueira da Inquisición, embarca en Sevilla nunha das carabelas de Cristovo Colón. No seu regreso ao vello continente, o noso heroe relata dun xeito moi persoal as súas aventuras polas Américas: como sobrevive a un naufraxio, como aprende a lingua dos nativos e despois é preso, escravizado e case engulido polos indios antropófagos... Záfase facendo milagres e cunha boa dose de sorte. Venerado como Fillo da Lúa, adestra, catequiza e guía os indios para formaren un exército de liberación que acaba expulsando os españois invasores.
Libre de efectos sonoros e de iluminación, este monólogo céntrase no traballo de actor. Só sobre o escenario, Júlio Adrião conta a triste historia da ocupación das Américas e dos masacres contra os indios a través de onomatopeas e mímicas. Este texto do Nobel italiano Dario Fo é unha sátira intelixente e poderosa contra o colonialismo na cal tamén se abordan os problemas políticos actuais.