Axencia Galega das Industrias Culturais

Xunta de GaliciaAxencia Galega das Industrias Culturais

LORENA LORES: Dúas beiras


A cantante Lorena Lores presenta Dúas beiras, un espectáculo no que, por medio da música e da danza, amosa a cultura das dúas beiras do Atlántico, a galega e a riopratense, e o enriquecemento producido polo encontro de ambas, como froito da emigración. No concerto conxuga cancións tradicionais galegas, outras da súa autoría, tangos e cancións do folclore arxentino.

Entre os temas que interpretará destacan Alecríns, Dúas beiras, Lela, Meu pai, Ailara, Os teus ollos, Quinta provincia, Estróupele, Alfonsina y el mar, Yo vengo a ofrecer mi corazón, Gracias a la vida, El día que me quieras, Cambalache, Chiquilín de bacín, Naranjo en flor, Celos, La última curda, Desde el alma, Nostalgia e Garúa, entre outras.

Filla de grovenses, a súa familia chegou a Arxentina en 1950 fuxindo da ditadura franquista. Seu avó era mecánico e traballaba para un militar ao que lle arranxaba o coche. Unha vez seu avó topouse na mesa deste militar varias sentenzas de morte. Con miga de pan fabricou un falso tampón e selou varias sentenzas de morte coa palabra indulto. Ante a sospeita de seres descuberto, o avó -militante republicano- decidiu marchar a Bos Aires tomando un barco en Bilbao. A súa avoa chegou un ano máis tarde como polisón dun barco que partira desde Vigo.

En 1952, tomaron o barco para Arxentina a nai de Lorena, que daquela tiña nove anos, e súa bisavoa. Nese mesmo barco viaxaba o pai da cantante, que entón tiña 18 anos. Dez anos despois desta viaxe seus pais atopáronse nunha festa da Federación das Sociedades Galegas en Arxentina, un bastión de esquerdas, e alí comezaron a súa relación. A familia de Lorena mantivo unha estreita relación con intelectuais e artistas galeguistas do exilio como Luís Seoane.

Lorena Lores comeza a súa carreira musical en 1990 como cantautora do dúo Adán y Eva, actuando en diversos locais e festivais, ata que é contratada como corista por Carlos Mata, a quen acompaña nas súas xiras nacionais e internacionais e presentacións tanto en shows ao vivo como en televisión. En 1993 realiza este mesmo traballo co cantautor venezolano Franco De Vita.

Tras facer coros con Dyango, entre1995 e 1997 protagoniza o espectáculo Yo que tú me enamoraba, no teatro La Plaza, e un ano despois, lánzase como solista cunha serie de presentacións en teatros (como o Margarita Xirgu, o Bambalinas e La Casona del Conde de Palermo), acompañada polo coro Kennedy. En 1999 protagoniza o espectáculo de tango Tangou, dirixido por Aníbal Pachano, coa música de Alberto Favero, en Punta del Este (Uruguai), así como en Bos Aires (Arxentina). Máis tarde co-protagoniza xunto a Chico Novarro o musical Arráncame la vida, no teatro Picadilli de Bos Aires.

No ano 2000 viaxa a Galicia e realiza unha xira co seu espectáculo Entre gaitas y bandoneones, no que interpreta unha selección de tangos e cancións galegas aprendidas dos seus pais e, a continuación, grava o seu primeiro disco, Alecríns (2001), composto por cancións tradicionais galegas e outras da súa propia autoría que presentou no marco da Asemblea da Galeguidade.

Lorena Lores e outros emigrantes arxentinos puxeron en marcha a Asociación de Arxentinos no Exterior da que ela é presidenta.
lorena_lores_300x300

Datas anteriores

20 de maio
/// 20.30

Salón Teatro
Rúa Nova, 34. 15705, Santiago de Compostela
Teléfono: 881 867 229 (oficina) | 881 867 223 (despacho de billetes)