ST Música Presente: BellónMaceiras Quinteto
Folk - fusión
A Axencia Galega das Industrias Culturais (AGADIC) inaugura o programa ST Música Presente, dedicado á promoción especial dos traballos discográficos das formacións e solistas galegos de todos os estilos musicais.
O proxecto BellónMaceiras Quinteto (BM5) nace en 2005, a partir da unión musical do gaiteiro Daniel Bellón e do acordeonista Diego Maceiras. O seu profundo coñecemento da música tradicional galega, as súas inquedanzas artísticas e mais o gusto polas músicas doutros países fixeron que desde o principio este dúo fusionase sen medo ritmos e melodías de distintos lugares, facendo música do mundo desde Galicia. Cando en 2007 convidaron outros tres músicos a formar o quinteto, estaban todos de acordo sobre a fusión que ían crear. Esta é sen dúbida a característica que mellor define a banda: a fusión de estilos sen complexos e o virtuosismo dos seus compoñentes.
Daniel Bellón, nacido en 1985, posúe un dos currículos máis importantes do mundo da música galega tradicional, xa que conta con máis de 35 premios recibidos, tanto en concepto de interpretación como de composición das súas propias obras. De entre todos estes galardóns destaca o premio Constantino Bellón, o premio Gaiteiro de Soutelo (concedido en catro ocasións) ou o Trofeo MacAllan que lle outorga o Festival Intercéltico de Lorient, no que ademais participa en representación da delegación galega.
En 1994 entra a formar parte da banda de gaitas Airiños de Fene, coa cal grava o disco
Identidade e comeza a destacar como gaiteiro solista ao tempo que enriquece o seu currículo coa súa experiencia en grupos como Roquementroque, Venela, Xaloucos, o obradoiro musical Os Sete Estalos ou Luvas Verdes, cuarteto co que edita
Fandango Desesperado en 2005. Tamén participa na creación da banda sonora do filme
La Casa de la Troya, de Alejandro Pérez Lugrín e Manuel Noriega, co gallo da súa presentación na Filmoteca Española.
Na actualidade combina a docencia como profesor de gaita galega xunto co estudo de saxo tenor e harmonía moderna na academia de jazz Escola Popular de Música e Danza de Madrid.
Diego Maceiras, nacido en 1984, iníciase no mundo da música aos catro anos de idade dentro da banda de gaitas Airiños de Fene, na que continúa hoxe en día, e coa cal grava o disco
Identidade e consegue importantes premios no mundo da gaita.
Acordeonista desde os 11 anos, comeza a súa formación baixo as ensinanzas do mestre fenés Manuel Cociña, pero tamén de Roberto Grandal, Xavier Díaz, e do prestixioso e laureado Oleg Sharov.
Membro fundador do grupo Venela, onde xa coincide con Daniel Bellón, segue a súa andaina musical esta vez uníndose como compoñente do xa desaparecido grupo Rumbadeira, ao tempo que combina a faceta de compositor e arranxador do grupo folk Eiravedra. Alén de tocar en importantes certames —coma o Festival Intercéltico de Lorient, Folk Segovia ou a Expo 98 en Lisboa—, participa no grupo de música infantil Mamá Cabra, co cal edita os discos
Cantos Rodados,
Cantando comigo e
Tan só con leres un libro (este último galardoado co Premio Música á mellor canción en galego).
Juan Cabe. Guitarrista de Fene cun estilo e carácter inconfundible, é un dos mellores baixistas de Galicia, instrumento que incorpora ao grupo ademais do seu repertorio de guitarras. É guitarrista de Os Cempés e Tigres del Cañotas, así como baixo de Mr. Dixie, entre outros.
Miguel Lamas. Comeza a tocar a batería aos cinco anos da man do mestre Manolo Pérez. Na súa traxectoria musical ten compartido escenario con artistas da altura de Pepe Bao, Javier Constenla, Pablo Seoane ou artistas internacionais como Nikki Illes ou Scott Strooman. Tamén forma parte de bandas como Voodoo, Chiculate, LTCD, Fanjazz, Majahni, Presa Fácil, The Sweat! ou Telespoting. Actualmente realiza sesións no estudio Pousada Son e cursa estudos de percusión no Estudio-Escola de Compostela.
Juan Tinaquero. Toma contacto coa música cando era cativo no colexio dos Salesianos da Coruña. En 1992 entra no grupo Miki Nervio & The Bluesmakers, co que publica dous discos e participa en diversos festivais internacionais. Continúa a súa formación na Escola de Música da Coruña e colabora con grupos de todo tipo (tangos, música latinoamericana, rock etcétera), entre os que destaca a agrupación de pulso e púa Camerata Piu Bella.
Na actualidade cursa estudos no Conservatorio Superior da Coruña na especialidade de Jazz e compaxina o seu labor de actor de dobraxe coa música.
O disco
BellónMaceiras Quinteto achéganos a unha fusión entre novo folk e músicas do mundo, onde a improvisación desempeña un papel importante. A gaita e o acordeón, xunto co contrabaixo, a guitarra, a batería e o saxofón ofrecen unha viaxe musical na que diversos estilos e ritmos de amálgama se complementan cunha ampla variedade de composicións propias.
A fusión é o sinal de identidade de BM5 e a contribución musical de cada compoñente é a que marca o particular son do grupo. Os músicos teñen total liberdade para se expresaren, ceibes de ríxidas faixas estilísticas. Do seu gusto por mesturar nace o que eles mesmos definen como "espicho", a introdución de partes dunha melodía coñecida dentro doutra peza.
O resultado de todo este traballo é o disco
Folk fusión, que verá a luz a mediados de abril de 2010. Nesta nova andaina, a gaita sae da súa cuncha para interpretar tango, swing, muiñeira, blues, habanera, jazz, samba, valse francés… Un novo xeito de entender as músicas do mundo desde Galicia.