ST Música Presente: Ophiusa
Folk - Tradicional
A Axencia Galega das Industrias Culturais (AGADIC) inaugura o programa ST Música Presente, dedicado á promoción especial dos traballos discográficos das formacións e solistas galegos de todos os estilos musicais.
Ophiusa nace a mediados de 1986 en Santiago de Compostela e durante case dez anos amosa o seu traballo en diversos escenarios da península. En 1995 a formación decide facer unha paréntese na súa actividade como grupo. Porén, a finais de 2005, Ramón Feáns, Paco Nogueiras e Antonio Presedo volven xuntarse de novo con vistas a facer unha sinxela posta en común das súas respectivas traxectorias musicais. Como resultado da devandita toma de contacto, e despois de comprobaren a gran cantidade de ideas estético-musicais que seguen tendo en común, deciden retomar o antigo proxecto musical incorporando nas súas filas a Paulo Gacio, Dani Riveiro e Antón Bello.
En 2008 o grupo entra no estudio de gravación para rexistrar o seu primeiro disco
Paos, un traballo autoproducido en que se recolle unha boa mostra do que se deu en chamar son Ophiusa, isto é, un repertorio do século XXI onde se combinan diferentes influencias estilísticas coas posibilidades que ofrecen as novas tecnoloxías. O resultado é un son directo e apaixonante, unha viaxe que, con marcada entidade galega, interactúa cos diferentes ritmos das músicas populares globais, e onde se rende unha sincera homenaxe ás cousas cotiás, que precisamente polo seu carácter cotián nos pasan desapercibidas a maioría das veces.
Paos foi moi ben acollido pola crítica especializada e os medios de comunicación. Persoeiros reputados do mundo do folk coma Emilio Españadero (
Lume na palleira, da Radio Galega), Óscar Losada (
La Opinión), Uxía Senlle (
Diario Cultural, da Radio Galega), Javier Cachafeiro (
Aires celtas, de Radio Granada), Juan A. Vázquez (
Mapamundi radio, Madrid) entre outros, coincidiron en valorar moi positivamente o disco dicindo del que achegaba frescura e sangue nova á escena folk.
O grupo ten tocado nos máis importantes escenarios do eido do folk, tales como o Escenario Runas do Festival de Ortigueira, o Festival Irmandiño de Moeche, o Festival Folk Cuartu de Los Valles en Asturias, a Festa do Lugnasad en Bretoña ou as Festas do Apóstolo en Compostela, por citar algúns. Tamén cabe salientar as xiras que ten realizado polas illas británicas, onde chegou a representar a Galicia en festivais como o Eisteddfod de Llangollen (País de Gales), converténdose así nun dos principais referentes do folk galego dos nosos días. Ophiusa é, ademais, finalista da 13.ª edición dos prestixiosos Premios de la Música no apartado de mellor canción cantada en galego.
O disco
Ophiusa publica a principios do 2010
Sin Planeta, o seu segundo disco de estudio. Nesta segunda produción, a música do grupo, xa identificable e recoñecible, experimenta unha evolución cara á parte máis eléctrica e ecléctica dentro do seu propio son. Se no seu debut discográfico a banda traballaba con ritmos existentes na música popular global (coma o
reggae ou o
bluegrass) ademais dos ritmos que son propios do noso país (muiñeira, xota…), en
Sin Planeta a música de Ophiusa dá un xiro cara á contemporaneidade.
Gravado nos seus propios estudios (Pink), o disco foi feito de maneira que a banda puido traballar sen presións e con liberdade, e iso traduciuse na posibilidade de experimentaren sen présa, de probaren, de xogaren coa música e coas posibilidades que ofrecen aparellos como os sintetizadores analóxicos ou os secuenciadores. De novo os temas incluídos no disco son compostos na súa totalidade. De novo optouse pola autoprodución.
Sin Planeta é o resultado desa liberdade creativa absoluta, fillo da imaxinación e da creatividade sen atrancos e enfrontado directamente aos convencionalismos. Unha metáfora do compromiso coa singularidade fronte a unha realidade cada vez máis estruturada e arquetípica.
Cómpre sinalar o apartado de colaboracións de
Sin Planeta: Ophiusa conta neste disco con representantes do máis alto nivel instrumental e de persoeiros coñecidos na escena folk como Bieito Romero (Luar na Lubre), Óscar Fernández (bOnOvO), Benxamín Otero (Linho do Cuco) ou o guitarrista Valentín Caamaño, entre outros.