ST Música Presente: Álvaro Vieito
Jazz
A Axencia Galega das Industrias Culturais (AGADIC) inaugura o programa ST Música Presente, dedicado á promoción especial dos traballos discográficos das formacións e solistas galegos de todos os estilos musicais.
Formado en Compostela e en Nova York con mestres como Vic Juris, Lage Lund, Jonathan Kreisberg, Rory Stuart, Marcelino Galán e Michel González, entre outros, o guitarrista do Porriño colaborou na súa traxectoria profesional como músico en diferentes formacións: entre elas, Álvaro Vieito Trío, Álvaro Vieito & Diego Pérez, Hira-Joshi, S.E.M. Big Band e Xerpo, ademais do seu cuarteto.
Para completar a súa formación participou en diferentes cursos e seminarios, como o II Seminario Permanente de Jazz de Pontevedra, con Abe Rábade, Paco Charlín e Santi Quintáns; o Pontevedra Jazz Workshop con Jonathan Kreisberg, Jaleel Shaw e Donald Edwards; o Seminario de Improvisación Bebop con Barry Harris no Taller de Músicos de Madrid e un curso de perfeccionamento con Ramón Ángel Rey, Abe Rábade, Jesús Santandreu e Paco Charlín. Realizou tamén master classes con: Jonathan Kreisberg, Dave Frank, Frank Gambale, Walter Thompson, Nuno Ferreira, Baldo Martínez, Joao Moreira etcétera.
O disco
Introducing, o primeiro disco do guitarrista pontevedrés Álvaro Vieito, inaugura ademais unha nova colección discográfica de Falcatruada que, baixo o título Azos e a dirección artística de Abe Rábade, se especializará nas novas propostas do jazz galego. Para este debut discográfico, Álvaro Vieito opta por unha formación de cuarteto cun marcado carácter internacional en que, xunto co tamén galego Max Gómez á batería, o acompañan o xaponés Masahiro Yamamoto (saxos alto e soprano) e o estadounidense Ross Gallagher (contrabaixo).