Axencia Galega das Industrias Culturais

Xunta de GaliciaAxencia Galega das Industrias Culturais

ST Música Presente: Emilio Rúa

Canción de autor


A Axencia Galega das Industrias Culturais (AGADIC) inaugura o programa ST Música Presente, dedicado á promoción especial dos traballos discográficos das formacións e solistas galegos de todos os estilos musicais.

Comezou a cantar sendo aínda un cativo na agrupación familiar Concorde Atenea, que fundara o seu pai nas Vendas da Barreira (Riós, Ourense), localidade de onde é orixinaria toda a súa familia. Guitarra en man, comeza a compoñer e a presentarse nalgún que outro concurso. Tras un dos seus recitais ofréceselle a oportunidade de gravar un primeiro CD, publicado no 2000, e seis anos despois grava o seu segundo traballo discográfico coa produción artística de Uxía Senlle, o cal supuxo para Emilio Rúa un antes e un despois na súa carreira artística.

A tonalidade das súas cancións deambula entre os sons pop e a música tradicional pero cunha personalidade nova e diferente. A súa música persegue a intimidade e a tenrura sen abandonar as reivindicacións sociais e individuais máis inquietantes, como son a soidade, o desamor ou a fin da violencia.

Emilio Rúa ten tras del unha interesante e frutífera carreira que o levou a distintos concursos e xiras, algunhas incursións en Inglaterra, actuacións compartidas con Ismael Serrano ou Pedro Guerra e varios galardóns: 5ª Muestra Nacional de Canción de Autor de Ceutí (Murcia) ou o certame de Jóvenes Cantautores de Elche (Alacante).

O disco

Interior é o terceiro traballo discográfico de Emilio Rúa. O cantautor ourensán presenta un disco gravado e mesturado en Casa de Tolos e producido pola cantante galega Uxía e o músico brasileiro Sérgio Tannus, no cal se exploran novos rexistros familiares e próximos nunca antes utilizados por Rúa.

Neste novo traballo conta con coñecidos músicos de Galicia e Portugal e colaboracións destacadas coma a de Luís Tosar, Guadi Galego, Toni Lomba, Quin Farinha, Marcos Teira, Budiño e a mesma Uxía. Introdúcese no mundo tradicional, como vén sendo xa habitual e necesario nel, e revisa cun aire novo e persoal o tema popular galego Lela, ademais de reinterpretar cancións de autores como Magín Blanco, Uxía e Sérgio. Tamén utiliza a poesía de Manuel Rivas para pórlle música a un dos seus poemas. É un traballo en que as harmonías gañan un amplo espazo e amósanse co necesario coidado para lles dar forma e sentido ás doce cancións que conforman Interior.

Como di o propio autor, "Interior son os dous mundos que hai dentro de min e non se entende o un sen o outro: a miña música e a miña terra".

Emilio Rua

Datas anteriores

26 de marzo
/// 20.30

Salón Teatro
Rúa Nova, 34. 15705, Santiago de Compostela
Teléfono: 881 867 229 (oficina) | 881 867 223 (despacho de billetes)