Axencia Galega das Industrias Culturais

Xunta de GaliciaAxencia Galega das Industrias Culturais

ST Música Presente: Anxo Lorenzo

Folk


A Axencia Galega das Industrias Culturais (AGADIC) inaugura o programa ST Música Presente, dedicado á promoción especial dos traballos discográficos das formacións e solistas galegos de todos os estilos musicais.

Cofundador do grupo vigués Spíritu 986 —que mesturaba gaitas e sintetizadores, electrónica e samplers—, Anxo Lorenzo (Moaña, 1974) comezou tocando a frauta aos cinco anos ata que os pais lle regalaron a súa primeira gaita un ano despois. Formado no Conservatorio Superior de Música de Vigo, Lorenzo recibiu clases de Carlos Núñez, Moxenas, Patrick Molard ou Fred Morrison, entre outros.

Na súa ampla experiencia como gaiteiro, ademais de compoñer a sintonía orixinal e oficial do Xacobeo 2000, ten colaborado en numerosos proxectos musicais fusionando os sons tradicionais da gaita cunha gran variedade de estilos, desde a música electrónica ao jazz, pasando polo pop, rock ou flamenco. Deste xeito, converteu a gaita nun instrumento sen fronteiras que semella non ter límites ante a súa mestría.

Unha longa lista de formacións e solistas avalan a solvencia deste gaiteiro. Así, destacan as súas colaboracións con artistas como Celtas Cortos, Lúnasa, Kathryn Tickell, Michael McGoldrick, The Chieftains, Daimh, The National Jazz Orchestra, Luigi Lai, Diarmaid Moynihan, Brian Finnegan, Xarabal, Om/Off, Jaula de Grillos, Tejedor, Angus Mackenzie, Iain MacDonald, Germán Díaz, Mónica Molina, Skape, Amistades Peligrosas, Poncho K etcétera.

O disco

Tirán, a parroquia de Moaña da que é orixinario, sérvelle a Anxo Lorenzo de título para o seu debut discográfico en solitario. Este traballo está inspirado nun longo percorrido musical que levou o gaiteiro a coñecer milleiros de lugares e melodías para compartir con músicos de diferentes nacións. Unha viaxe que sempre comeza e remata en Galicia.

En Tirán, Anxo Lorenzo volve poñendo a proba os límites da gaita e os propios para facernos crer que todo é posible na música. Coa produción de Pedro González e acompañado da súa banda, formada por Xose Liz (buzuki), Milla (percusións), Begoña Riobó (violín), Álvaro Iglesias (contrabaixo) e a nova incorporación do violinista irlandés Eoghan Neff, amósanos once temas que camiñan entre a composición e a tradición, entre as Rías Baixas e o Mar de Irlanda. Unha mostra de virtuosismo e sensibilidade a partes iguais que se ve incrementada coas colaboracións da famosa gaiteira de Northumbria Kathryn Tickell, as cordas de Pancho Álvarez e Luís Peixoto, Roi Adrio na percusión, a zanfona de Anxo Pintos, o acordeón de Jorge Arribas ou o grupo de estética hindú Om/Off.
Anxo Lorenzo

Datas anteriores

24 de marzo
/// 20.30

Salón Teatro
Rúa Nova, 34. 15705, Santiago de Compostela
Teléfono: 881 867 229 (oficina) | 881 867 223 (despacho de billetes)