Axencia Galega das Industrias Culturais

Xunta de GaliciaAxencia Galega das Industrias Culturais

ST Música Presente: Linho do Cuco

Música popular


A Axencia Galega das Industrias Culturais (AGADIC) inaugura o programa ST Música Presente, dedicado á promoción especial dos traballos discográficos das formacións e solistas galegos de todos os estilos musicais.

Linho do Cuco presenta en ST Música Presente o seu novo traballo, de nome 3. A saída do disco coincide co momento en que o grupo comeza a gañar un lugar destacado no panorama da música tradicional galega. Porén, o certo é que a formación conta cunha dilatada traxectoria de case quince anos. O grupo naceu en forma de pasacalle ata converterse no que é a formación actual: unha sorte de charanga tradicional á cal lle engaden sonoridades coma as da zanfona ou o acordeón diatónico.

Nos seus comezos o grupo tiña como obxectivo recoller e recuperar a música tradicional das terras de Tabeirós e de Montes. Andado o tempo, o xermolo da banda fortaleceuse coa incorporación de novos membros relacionados co Conservatorio de Música Tradicional e Folque de Lalín (hoxe, aCentral Folque).

En 2005 editan co selo Nacra o seu primeiro disco homónimo, no cal colaboran músicos tan salientables coma Pedro Pascual (Marful) ou Óscar Fernández (Os Cempés, bOnOvO). Agora, en 2010, ve a luz o seu segundo traballo, en que dan un xiro cara a sonoridades bandísticas, dándolle un novo aire ao repertorio e aos arranxos.

Despois do seu paso por numerosos festivais do territorio galego (festival de Riotorto, festival de Bretoña, A Marosa, As Nosas Músicas, A Esmorga Folk etcétera), participan en 2007 no circuíto 4x4. Ese mesmo ano tocan tamén en Barcelos (Portugal), nas Jornadas de Musicologia Kodaly. En 2008 continúa o seu periplo por Europa actuando con grande éxito no Festival Intercéltico de Lorient (onde acadan un destacado terceiro premio na categoría de grupos noveis) e con parada noutras importantes cidades como Xenebra.

A grandiosidade da mestura deste Linho do Cuco radica na forza da acertada combinación de timbres sonoros (tuba, clarinete, acordeón diatónico…), co cal é practicamente imposible que o público non mova os pés.

O disco

Con este segundo disco, curiosamente titulado 3, Linho do Cuco dá un xiro cara a sonoridades bandísticas cun novo aire para o repertorio e para os arranxos. 3 é un disco de música de aquí, para xente de aquí e de acolá, que sintetiza o repertorio de banda de música coas melodías de autor que xa forman parte da tradición popular, engadindo unhas pinceladas de música centroeuropea, sempre dende o punto de vista de Linho.
Linho do Cuco

Datas anteriores

18 de marzo
/// 20.30

Salón Teatro
Rúa Nova, 34. 15705, Santiago de Compostela
Teléfono: 881 867 229 (oficina) | 881 867 223 (despacho de billetes)