Axencia Galega das Industrias Culturais

Xunta de GaliciaAxencia Galega das Industrias Culturais

Festival Sinsal Extensión Salón Teatro: Vashti Bunyan


O caso de Vashti Bunyan é unha estraña illa na historia da música popular, pois desapareceu durante trinta anos para ser recuperada e voltar aos estudos de gravación arroupada por unha nova xeración.

Nacida en Londres en 1945, Vashti Bunyan decide dedicarse á música tras unha viaxe aos Estados Unidos a mediados dos sesenta onde tomou contacto coa obra de Bob Dylan e outros cantautores. Á súa volta ao Reino Unido é descuberta polo manager dos Rolling Stones, e comeza a gravar singles con cancións alleas máis algunha propia.

En 1970 edita o que será o seu primeiro álbum, Just Another Diamond Day, sen sorte na venda e axiña descatalogado. Pasa os seguintes trinta anos vivindo no anonimato da súa familia mentres o seu disco vai pasando de man en man, medrando aos poucos e ás súas costas ata que chega o ano 2000 e unha nova xeración de músicos interesados no folk o revitaliza. Convértese así na artista de culto de referencia para artistas como Devendra Banhart ou Joanna Newsom.

En 2005, trinta e cinco anos despois do primeiro, ve a luz o seu segundo disco Lookaftering, unha presada de novas cancións que afondan no seu estilo sinxelo e na súa voz doce e delicada. O nome do disco describe precisamente todo o que aconteceu na súa vida durante este impás: fillos, amigos, amantes, natureza... Rodeada de colaboradores como Banhart, Adem, Adam Price, Kevin Barker, Joanna Newsome, Otto Hauser, o arranxista e produtor Max Richter e vellos coñecidos como Robert Kirby, Vashti concibiu un disco delicado e austero. Nesta ocasión, a instrumentación, ademais de guitarra acústica, abrangue piano, dulcimer, arpa, oboe e glockenspiel (unha especie de pequena marimba). Vashti Bunyan, como na súa canción Here Before, está aquí antes, nalgures onde o tempo non pasa para a música.
vashti-bunyan.jpg

Datas anteriores

12 de maio
/// 22.00

Salón Teatro
Rúa Nova, 34. 15705, Santiago de Compostela
Teléfono: 881 867 229 (oficina) | 881 867 223 (despacho de billetes)