CDG Coproducións: Wake Up
De Nut Teatro
Carlos Neira, director
Centrado en investigar novas relacións co espectador e máis ligado ao proceso de creación que ao resultado, trátase dun espectáculo interdisciplinar en diálogo íntimo coas novas tecnoloxías que indaga nas novas teatralidades contemporáneas do panorama artístico internacional.
Tomando como punto de partida o concepto de intimidade, entendido este como a verdade acerca de un mesmo, Nut Teatro presenta unha peza na que o espectador se converte nun voyeur-mirón de algo que pasa máis alá del, e co cal se pode identificar. O espectador observa; é transgresor e cómplice mirando, sen sentirse protagonista. Trátase, en definitiva, de conseguir penetrar na intimidade dos personaxes sen recurrir a confesións nin a datos biográficos pertencentes á privacidade.
A partir dunha situación límite -diferentes persoas alugan unha habitación cunha soa cama que usan por quendas- o espectáculo reflexionaba en torno á intimidade e ás relacións xurdidas de novos modelos de convivencia que o devinir dos tempos fixo aparecer: as "camas quentes".
Esta expresión refírese ao leito subarrendado a homes e mulleres que carentes de recursos económicos apenas poden pagar o alugueiro dun catre multiusos. Este feito chega ao seu extremo cando algunhas destas persoas, vencidas polo sono, durmen por quendas en calquera habitáculo onde caiba un corpo, sen importar a posición, o lugar, a estreitura, a compañía ou a suciedade.