O retrete de Dorian Gray en coprodución co CDG: Rúa Aire
ESTREA
Dirección, creación e interpretación: Marcos PTT Carballido e Ezra Moreno
A compañía que integran Marcos PTT Carballido e Ezra Moreno enfronta a súa segunda creación de gran formato inventando unha nova técnica manipulativa: o monicreque construído con globos, todo un reto á hora de desenvolver todas as posibilidades dramáticas desta técnica que eles mesmos inventaron e coa que levan traballando desde 2005.
No escenario, pode verse unha mesa de manipulación provista de todo tipo de resortes luminosos e sonoros. Aparecen dous titiriteiros coas súas maletas cheas de máquinas, pequenas pezas escenográficas e globos desinflados. Unha vez establecidos, comezan a crear ante o público os primeiros bonecos, inflándoos e moldeándoos á vista con precisión de cirurxiáns. Os globos comezan a cobrar vida. Un mundo novo naceu.
O protagonista de
Rúa Aire é un personaxe anónimo do que coñecemos toda a súa biografía, desde o berce á tumba: como crece, como se fai sabio, envellece e se despide da súa vida. Nesta viaxe polos momentos máis importantes da súa existencia e dos fitos históricos do seu mundo, pasan ante os ollos dos espectadores todo tipo de monicreques efímeros: animais, vexetais e personaxes que configuran un universo en continuo diálogo co público e cos seus manipuladores.