Cía. Ieto: Ieto
Ciclo Circo en Escena
Circo contemporáneo
Jonathan Guichard e Fnico Feldmann, funámbulo e acróbata, forman a compañía Ieto, unha proposta de danza acrobática contemporánea, chea de ideas e creatividade, que investiga na expresividade corporal pero tamén no espazo e nos elementos escénicos.
Durante o transcurso do espectáculo, a complicidade lúdica entre os dous artistas salta á vista; un dos personaxes, de forte concentración, contrasta coa figura doutro, de espontánea intelixencia e tranquila indiferenza. Ante si teñen sete enormes táboas de corenta quilos cada unha, dúas ou tres barras, unha corda, algunhas cuñas... e con elas fan construcións e estadas, e xogan cos contrapesos, as suspensións e os desequilibrios, ata chegar ao momento de emprenderen a travesía polo baleiro sobre o cable tendido, entre cuxo silencio xorde o renxer da madeira sometida a esforzos. Unha actividade de risco artístico e físico de gran complexidade técnica que nos fai conter a respiración.