RGMV-OuTonalidades: Bukowski Blues Trío?
REDE GALEGA DE MÚSICA AO VIVO E OuTONALIDADES
A Axencia Galega das Industrias Culturais (AGADIC) e a d’Orfeu Associação Cultural de Portugal estableceron un acordo para que a rede de música OuTonalidades, que promove desde hai 12 anos en Portugal a devandita asociación, teña a súa extensión en Galicia a través dun réxime de intercambio entre grupos galegos e portugueses e a implicación dos locais da Rede Galega de Música ao Vivo.
Esta primeira edición do acordo materialízase en 21 concertos de seis grupos portugueses (Joao Gentil e Luis Formiga, Mú, Q. Sofia Ribeiro, Rui Pedro, Toques do Caramulo e Uxu Kalhus) en Galicia e 15 concertos de 5 grupos galegos (Bukowski Blues Trío, Carlos López Quartet, Moondogs Blues Party, Niño & Pistola e A Tuna Rastafari) en Portugal, nun circuíto total integrado por 19 salas (12 en Portugal e 7 en Galicia).
BUKOWSKI BLUES TRÍO?
Estilo/s: Soul - blues - funk - rock
Bukowski Blues Trío? é unha banda procedente de Valdeorras (Ourense), concretamente do Barco e de Vilamartín. Movidos polo seu amor polo blues, o funk e, por suposto, o rock, a banda leva en activo (de forma intermitente) desde mediados dos noventa. Por este grupo pasaron un bo número de músicos, variando a formación en función da ocasión e das posibilidades, pero mantendo sempre o núcleo de trío eléctrico ao que se suman outros músicos para así chegaren ao cuarteto, quinteto ou sexteto (+ harmónica + guitarra + saxo). O nome Bukowski Trío? ou Bukowski Blues Trío?, como queiras... A interrogación? Facemos blues? Somos un trío? Bukowski Trío? somos: Aitor González: harmónica, percusión, coros. J.C. Fernández (A.K.A. Choupi) baixo. Manuel Ares: batería. Pedro Murciego: guitarra e voz.
Actualmente Bukowski Trío? preséntase como cuarteto: batería, baixo, guitarra e harmónica. Ofrece un directo diferente, divertido e contundente en que caben tanto versións de clásicos do blues como temas propios. O repertorio inclúe versión libres e moi persoais de Hendrix, Cream, Stevie Ray Vaughan, Ray Charles... O gusto polo rock, o funk e o blues queda patente nas actuacións de Bukowski Trío? ante as que ninguén permanece indiferente. A diversión e o baile están sempre presentes. Neste momento a banda atópase nun proceso de gravación de novos temas propios, que verán a luz no outono, en que se pode ver a evolución da banda, que, sen perder a súa identidade, vai derivando cara a un estilo un pouco máis funky.
+ info.:
http://www.myspace.com/bukowskitrio