RGMV-OuTonalidades: A Tuna Rastafari
REDE GALEGA DE MÚSICA AO VIVO E OuTONALIDADES
A Axencia Galega das Industrias Culturais (AGADIC) e a d’Orfeu Associação Cultural de Portugal estableceron un acordo para que a rede de música OuTonalidades, que promove desde hai 12 anos en Portugal a devandita asociación, teña a súa extensión en Galicia a través dun réxime de intercambio entre grupos galegos e portugueses e a implicación dos locais da Rede Galega de Música ao Vivo.
Esta primeira edición do acordo materialízase en 21 concertos de seis grupos portugueses (Joao Gentil e Luis Formiga, Mú, Q. Sofia Ribeiro, Rui Pedro, Toques do Caramulo e Uxu Kalhus) en Galicia e 15 concertos de 5 grupos galegos (Bukowski Blues Trío, Carlos López Quartet, Moondogs Blues Party, Niño & Pistola e A Tuna Rastafari) en Portugal, nun circuíto total integrado por 19 salas (12 en Portugal e 7 en Galicia).
A TUNA RASTAFARI
Estilo/s: Outros - Ranchera-Corridos-Rock
Grupo formado no Morrazo no ano 2005 con compoñentes doutras bandas locais, pero que atoparon un vínculo e un estilo que os une para gozar da música. Comezan a súa andaina con cinco compoñentes, e amplían pouco a pouco o seu número ata a actualidade, que son dez, tras incorporar un acordeonista, dous saxos, un trompeta e un trombón, que fan que o son dos inicios evolucione a un máis festeiro.
De repente chegas a unha sala chea de xente expectante, impaciente e nerviosa; os asistentes mirando ao escenario e... comeza o espectáculo! Subidón, asombro, e os corpos non poden estar sen bailar; miles de vatios afinados e moitos músicos facendo festa, isto é A Tuna Rastafari (descarga de enerxía, posta en escena, un comando de xente nova con experiencia para facer vibrar, saltar e cantar). Dez músicos novos que producen, deseñan e improvisan: o espectáculo é a súa bandeira. Unha banda cunha soa misión: rebentar todos os escenarios que se lles poñan a tiro; as súas armas constitúenas sons imaxinativos combinados con humor, compenetración e o factor sorpresa. ¿Que tocan? Iso xa é máis difícil, non queren para nada ser unha banda de... "algo"; fan mestura de todo aquilo que lles gusta, desde as cancións populares galegas ata os corridos mexicanos, sen complexos nin ataduras, con densas letras con sabor e ironía e inconformismo, calor sobre as táboas.