Teatro de Ningures: Bailadela da morte ditosa
Teatro-Estrea
Autoría: Roberto Vidal Bolaño
Dirección: Etelvino Vázquez
Bailadela da morte ditosa preséntanos seis encontros coa morte noutros tantos cadros. Encontros procurados sempre polos personaxes e por diferentes motivos: adiantar a propia morte para fuxir do sufrimento, achegarse a ela para matar a soidade ou o fracaso, abrazala para alimentar outra vida ou acabar nos seus brazos como remate natural dun camiño xa andado.
E Roberto Vidal Bolaño píntanos eses cadros coas súas pinceladas características: unha linguaxe áxil e poderosa, uns personaxes trazados con gran profundidade e un achegamento ao tema —a morte buscada, a "ditosa"— sen estridencias, con gran naturalidade, como sempre se tratou na nosa cultura e desde o noso imaxinario.
E cando sae o sol, os mortos resucitan, pois na encrucillada única de cada representación, sempre quedan os actores.