Voadora: PeriFeria
Teatro - Estrea
Autoría: Marta Freitas, Carlos Santiago, Manuel Cortés e Voadora
Dirección: Montse Triola
PeriFeria é a primeira entrega da triloxía "Poética de Lugares Comúns" -Fracaso, Olvido e Paraíso- é tamén o despegue de Voadora como compañía. As tres entregas comparten un mesmo proceso de creación colectiva, baseado no diálogo intercultural entre un grupo de autores (neste caso, Marta Freitas, Carlos Santiago e Manuel Cortés) e un equipo artístico, cunha mesma líña conceptual e estética.
A montaxe propón unha reflexión sobre o fracaso utilizando como pretexto dramático a festa. Unha festa coas súas dúas caras, que se ocultan e superpoñen continuamente nun xogo divertido para uns, e perverso para outros. Non hai alegría sen perigo de dor e na mesma festa onde uns se atopan e se aman, outros se separan e sofren.
O Fracaso festexado en PeriFeria fai que os personaxes se comparen cos grandes fracasados da historia, se rían dos mitos, se laien de non conseguir ser o que un día desexaron e crean nos soños, que magníficos en abstracto, fracasan cando se materializan.
Sobre o escenario os actores, o produtor e o técnico da compañía presentan o artificio teatral. Un espazo onde as leis mudan, onde os triunfadores e os fracasados poden beber, todos, en vasos de plástico.