Coprodución Centro Coreográfico Galego e Pisando Ovos: 30.000
Danza - Estrea
Coreografía: Rut Balbís e David Loira
Dirección artística: Damián Muñoz
E ti, que farías con 30.000 euros? Seguindo a liña de traballo emprendida pola compañía Pisando Ovos, esta coprodución co Centro Coreográfico Galego está baseada nas novas tendencias e na tecnoloxía. A música, a iluminación e o audiovisual teñen unha forte presenza na obra como soporte do movemento corporal.
Pisando Ovos comeza a súa traxectoria profesional no verán de 2004 cando Rut Balbís e David Loira, licenciados en Ciencias da Actividade Física e do Deporte, deciden crear a súa propia compañía tras a súa estadía na London Contemporary Dance School, onde estudaron danza contemporánea, composición e coreografía.
A súa primeira creación,
N8 0HX, estréase dentro do Festival Isto Ferve 05 no Teatro Ensalle de Vigo, sala onde é compañía residente desde principios de 2006. Tamén é compañía asociada ao Teatro Galán de Santiago de Compostela.