SINSAL Santiago. Extensión Salón Teatro: Hanne Hukkelberg
Durante un tempo a noruega Hanne Hukkelberg percorreu Oslo en bicicleta en busca de sons e impresións que plasmar no estudo para máis tarde irse vivir medio ano a Berlín. Mostra de iso é a bicicleta que a acompaña encima do escenario, da que colle o son da roda ao xirar. Cantante e multiinstrumentista precoz, aos tres anos xa cantaba e tocaba a batería mentres o seu pai a acompañaba ao piano. Aínda que medrou escoitando música clásica, os seus primeiros escarceos adolescentes fixoos como vocalista de rock, metal e free-jazz.
Agora, con 27 anos, segue mantendo ese eclecticismo sonoro ao que incorporou unha boa dose de pop-cabaré e electrónica, potenciado o deixe jazzy da súa voz. Creou un son inesperado, onírico, fráxil, absorbente e máxico cuxo valor se acrecenta a cada escoita.