Axencia Galega das Industrias Culturais

Xunta de GaliciaAxencia Galega das Industrias Culturais

SINSAL Santiago. Extensión Salón Teatro: A Hawk and a Hacksaw & The Hun Hangár Emsemble


Procedentes de Albuquerque (Novo México), Jeremy Barnes e Heather Trost forman A hawk and a Hacksaw (AHAAH), un dúo que, a pesar de enraizaren na tradición, non deixa de trazar o seu propio e particular camiño. A partir das súas viaxes e aventuras por todo o mundo, o seu son é unha mestura fantástica e emotiva de folk da Europa oriental, canción xitana, klézmer, fanfarra mexicana e mais floreos cinematográficos con toques de canción clásica. O seu enorme talento compositivo e a súa forza instrumental deron pé a tres discos, o último deles, The Way the Wind Blows, gravado nunha remota vila de Romanía con membros do grupo folk balcánico Fanfare Ciocărlia.
Para este concerto, Jeremy e Heather enrolaron un grupo de catro innovadores músicos húngaros máis outro británico (coñecidos como The Hun Hangár Ensemble) co fin de presentaren a súa música do xeito máis ambicioso e complexo. Gaita, clarinete, saxofón, taragot, canto gutural, trompeta, batería, acordeón, contrabaixo vertical, viola e violín están presentes no espectáculo, que inclúe novas pezas, reinterpretacións de cancións do folk húngaro e balcánico e materiais do repertorio de AHAAH. As sedutoras composicións destes trobadores modernos combinan antigas cancións folclóricas, mensaxes sutís e referencias a marchas, ao jazz fusión máis perturbador e á composición moderna.

Datas anteriores

17 de maio
/// 22.00

Salón Teatro
Rúa Nova, 34. 15705, Santiago de Compostela
Teléfono: 881 867 229 (oficina) | 881 867 223 (despacho de billetes)