Lagarta Lagarta: As últimas lúas
Tradución e adaptación de Cándido Pazó do texto Le Ultime Lune de Furio Bordon
Dirección: Xulio Lago
Ernesto Chao, Rosa Álvarez e Artur Trillo porán en escena As últimas lúas, a emblemática obra do autor italiano Furio Bordon representada nos máis importantes teatros de Europa e América.
As últimas lúas narra a historia dun vello profesor de literatura xubilado que decide abandonar a casa en que vive co fillo e os netos para trasladarse a unha residencia da terceira idade. O ancián espera que tenten disuadilo, pero a súa sorpresa é que acollen a súa decisión con grande alegría.
A obra atrévese a intentar, cunha intensa carga de delicado humor e de inmensa tenrura, unha mirada seria e serena sobre aqueles pasos tan fundamentais no noso transitar pola vida, deixando caer sobre o espectador algúns interrogantes: que lugar ocupan "os vellos" na sociedade contemporánea? Que espazo lles permitimos ocupar? Que poden facer "os vellos" consigo mesmos nunha paisaxe humana e social onde, con frecuencia abafante, se fai que se sintan un obstáculo que impide a felicidade dos outros?