Migallas Teatro: O libro máxico
Autores: María Campos, Carlos Yus, Xurxo Cortázar
Directora: María Campos
Elenco: M. Campos, Carlos Yus, X. Cortázar
Público: Infantil e familiar
Sinopse: Rosiña é unha nena que ten que quedar soa na casa mentres os pais van a unha reunión. Como ten algúns problemas para rematar os deberes, decide investigar nun baúl onde o pai gardou moitas cousas para que non se manchasen coa pintura, pois está pintando a casa. Alí atopa un libro vello e ponse a ler nel. Tralas primeiras liñas empezan a pasar cousas estrañas e Rosiña e os seus amigos, o público, mergúllanse na aventura de piratas que está escrita no libro. Máis tarde os rapaces e rapazas irán en procura da lámpada marabillosa que esqueceu un xenio en Arabia; actuarán na pista dun circo acompañados por un can pallaso e conducirán unha nave espacial por galaxias descoñecidas. O argumento desta peza teatral convida aos rapaces e rapazas a vivir grandes aventuras lendo nos libros. Ademais trátanse temas como a discriminación; o exceso de autoridade, as relacións entre pais e fillos, o compañeirismo, a importancia da imaxinación, etc.