Títeres Falcatrúa: Albízaras
Autor: Esteban Losada
Director: Esteban Losada
Elenco: Esteban Losada
Público: Infantil, de 5 a 12 anos
Sinopse: Comedia que nos presenta a un titiriteiro despistado e un chisco neglixente xunto a uns títeres que acaban coa súa paciencia e por ende coas súas ganas de seguir na profesión. Ao alzarse o pano, o titiriteiro, que é pillado rematando os monicreques, descúlpase e pide a colaboración do público para rematalos e poder así comezar o espectáculo.
Unha vez dentro do teatriño, o marionetista pregunta cal é a obra que ten que representar, os nenos disipan as súas dúbidas e o titiriteiro marcha de inmediato a ordenar os seus bonecos. Cando regresa atópase co guión mordido e sen letras. Ante a imposibilidade de representar a obra sinalada, decide crear outra coa axuda dos rapaces.
Tras asignar personalidades aos títeres, créase unha trama un tanto absurda e previsible baseada no amor e os ciumes… Logo dun anaco, os títeres plántanse e deciden investigar os estraños sucesos acontecidos nos que as letras e cores desaparecen de libros e obxectos como por arte de maxia. O resultado das súas indagacións lévanos a descubrir unha sombra con problemas de pigmentación, un amor verdadeiro e a un marionetista desesperado.