Axencia Galega das Industrias Culturais

Xunta de GaliciaAxencia Galega das Industrias Culturais

AGADIC

A Axencia Galega das Industrias Culturais -AGADIC- bota a andar en xuño de 2008 como axencia pública autonómica adscrita á Consellería de Cultura. Ten por obxecto o impulso e a consolidación do tecido empresarial no sector cultural galego, cooperando na achega de factores produtivos, no fomento da oferta de bens e servizos e na asignación de ingresos suficientes e estables, tal e como establece a súa lei creación (Lei 4/2008, do 23 de maio).

A AGADIC substitúe ao Instituto Galego das Artes Escénicas (IGAEM) e, a diferenza deste, non restrinxe a súa actuación a un sector específico, senón que engloba a totalidade das actividades culturais e artísticas desenvolvidas por creadores individuais, empresas e industrias culturais.

Neste sentido, a lei de creación da Axencia especifica que son consideradas como empresas culturais privadas as organizacións constituídas baixo calquera das formas mercantís legalmente recoñecidas que se dediquen con carácter principal á produción, distribución ou comercialización de produtos culturais incorporados en calquera clase de soporte, de espectáculos en vivo e de factores de produción exclusivamente dedicados ao mercado cultural.

Fins da AGADIC

  • Garantir o progreso da cultura galega, e nomeadamente a normalización e o impulso do idioma galego como medio para protexer e fomentar a identidade cultural de Galicia, o desenvolvemento social, o crecemento económico e o diálogo intercultural
  • Impulsar a participación, consolidación e cooperación das empresas e profesionais na produción, creación, conservación, difusión e comercialización do patrimonio cultural galego, nun mercado dinámico, sustentable e plural que fomente a participación cidadá e remova os obstáculos que poden dificultar o acceso á cultura, especialmente dos colectivos menos favorecidos.
  • Fomentar a demanda de produtos culturais na sociedade galega co fin de promover a orientación ao mercado das empresas, mellorar a viabilidade dos seus proxectos, achegar recursos propios e aumentar o peso relativo do sector no sistema produtivo galego.
  • Potenciar os programas de investigación e desenvolvemento cultural, mellorando a calidade e diferenciación dos produtos, a axilidade no servizo prestado e a creación de valor engadido na economía dixital.
  • Estreitar a coordinación entre as administracións públicas con competencias na materia e os axentes privados para aproveitar as sinerxías, incrementar a posibilidade de financiamento e acadar unha maior calidade e eficiencia na acción cultural.
  • Favorecer a creación e produción artística e cultural das mulleres e a súa difusión, adoptando medidas de acción positiva destinadas a combater a discriminación de xénero.

Axencia Galega das Industrias Cultuarais

Cidade da Cultura de Galicia. Centro de Emprendemento Monte Gaiás s/n. CP. 15707 - Santiago de Compostela

Teléfono: 881 99 60 77 / 881 99 60 78

Url: http://www.agadic.gal

Correo: agadica r r o b axunta.es