Axencia Galega das Industrias Culturais

Xunta de GaliciaAxencia Galega das Industrias Culturais

Blanca Mª Brage Cendán (Ares, 1965) leva máis de vinte anos vinculada á escena galega, comezando a súa traxectoria teatral a finais dos oitenta como integrante da compañía Chévere, coa que actuou e asinou a dirección colectiva de espectáculos como Supersonic (1988-99), Río Bravo (1990), Big bang (1992) ou Cabaret Tan Tan (1994), entre outros, ademais de participar na fundación e posta en marcha da Sala Nasa en Santiago de Compostela.

Durante a súa estadía en Berlín, onde viviu tres anos, empapouse do cabaré alemán, recibindo en 1996 o premio Talente Momente ao mellor talento da escena do cabaré berlinesa. Xa de volta en Galicia, en 2002 funda a súa propia compañía, BB Producións, na que exerce como directora e produtora, ademais de intérprete, especializándose no cabaré e no teatro musical. Entre as súas producións, destaca o espectáculo cómico musical Lili Berlín, que puxo en escena entre os anos 2002 e 2009 xunto cos músicos Suso Alonso e Carlos Ariel Gracia e polo que en 2004 estivo nomeada aos Premios María Casares na categoría de mellor actriz protagonista.

Como actriz de teatro, traballou así mesmo para outras compañías galegas como Teatro do Morcego (Os vellos non deben de namorarse, 2003-2004; A gran ilusión, 2004; O burgués fidalgo, 2007; e Saltimbanquis, 2009-2010), Nordesía (Eliana en ardentía, 2001) e Artello Teatro alla Scala 1:5 (A matanza dos Seixas, 1993), así como no musical valenciano Merlín, el regreso de la magia (2005-2006). Con estas e outras pezas interveu en numerosos festivais dentro e fóra de Galicia (España, Portugal, Polonia, Alemaña, Brasil, Mozambique, Croacia, etc.)

En Berlín, asiste a diferentes seminarios na escola de cine dffb con profesores como Herzog ou Win Wenders, e colabora en varias curtametraxes do director Hannes Stöhr, que coñecera en Compostela. Máis adiante volverá traballar con el na longametraxe Galatasaray-Depor, coprodución galego-alemá que foi estreada na Berlinale en 2005. Coprotagoniza, así mesmo, a curta La buena caligrafía, de Ález Sampaio e recoñecida con numerosos galardóns.

En televisión participou en numerosas series da TVG, como Unha de romanos, Pratos combinados, Galicia Express, Fíos, A vida por diante, Terras de Miranda, Valderrei, Padre Casares, O Nordés, etc., ademais de en El súper, emitida por Tele5.

Licenciada en Xeografía e Historia e en Filolxía Alemá, canto á súa formación artística ten realizado numerosos cursos de interpretación, voz, danza, canto, dobraxe, etc. con mestres como Eva Lesmes, Macarena Pombo, Luis Iglesia, John Eastham, Marta Pinillos, José Luis Cuerda, José Luis Mosquera, Guillermo Heras, Helena Pimenta, Sanchis Sinisterra, Corina Mestre, Martin Adjemián, Eric de Bont e Cesc Gelabert.

Blanca Cendán é a primeira directora do Centro Dramático Galego que accede ao cargo a partir da convocatoria dun concurso publico. O pasado 9 de abril o Consello de Dirección da AGADIC (Axencia Galega das Industrias Culturais) resolveu o seu nomeamento por ser a candidata máis valorada entre unha terna de aspirantes.