Actualidade




Actualidade

A FEIRA GALEGA DAS ARTES ESCÉNICAS PECHOU AS PRIMEIRAS CONTRATACIÓNS E MANTÉN ABERTO O PROGRAMA DE BONIFICACIÓNS Á DISTRIBUCIÓN EXTERIOR

Teatros e circuítos de Castela-A Mancha, País Vasco e Portugal exhibirán espectáculos galegos a próxima temporada

[22/10/2010] Teatros e circuítos escénicos de Castela-A Mancha, País Vasco e Portugal programarán espectáculos galegos durante o próximo ano 2011 no marco do programa de bonificacións á distribución exterior da XVIII Feira Galega das Artes Escénicas. Os axentes culturais chegados dende fóra de Galicia para participar neste encontro profesional, que concluíu onte en Santiago tras catro intensas xornadas de exhibición, teñen de prazo ata o 2 de novembro para acollerse a esta iniciativa, beneficiándose así dun desconto do 40 por cento sobre o caché das producións galegas que contraten.

Imaxe Feira

A Agadic (Axencia Galega das Industrias Culturais) asume estas bonificacións co obxectivo de favorecer unha maior proxección do teatro, a danza e a maxia producidos en Galicia. Neste sentido, esta liña de apoio á contratación exterior aplícase tanto aos espectáculos galegos exhibidos na Feira como aos que configuran a actual programación da Rede Galega de Teatros e Auditorios.

Abada Teatro-Carlos Blanco, Elefante Elegante, Eme2, Panamesiana Teatro, Tanxarina Títeres e Teatro do Morcego son as compañías que xa teñen confirmada a súa presenza en escenarios, festivais e redes escénicas de fóra de Galicia a través dos contactos establecidos durante a celebración da Feira Galega das Artes Escénicas. Os seus destinos serán a Red de Teatros de Castilla-La Mancha, Sarea-Red Vasca de Teatros, Uni Kultur Elkasrtea (Biscaia), d’Orfeu Associação Cultural (Águeda), Teatro Circo de Braga e Teatro Ribeiro Conceição (Lamego).

Público profesional e xeral
Organizada pola Consellería de Cultura e Turismo, a través da Agadic, esta décimo oitava edición da Feira desenvolveu entre o pasado luns e onte unha carteleira de 20 espectáculos de teatro, danza e novo circo e tres showcases de danza, que foron seguidos por preto de 3.500 espectadores en seis escenarios da cidade: ARTeria Noroeste-SGAE, Aula de Cultura de Caixa Galicia, Sala Capitol, Sala Mozart do Auditorio de Galicia, Salón Teatro e Teatro Principal. Ademais, un milleiro de persoas visitaron estes días a sede feiral no Auditorio de Galicia, onde estiveron instalados un total de 16 expositores de asociacións e empresas galegas do sector.

O Salón Teatro acolleu a pasada noite a última cita deste encontro profesional: o espectáculo Circo á feira, racións de novo circo galego, un formato especial que achegou aos programadores asistentes fragmentos das últimas propostas de cinco compañías galegas (Duelirium con Aviadoras, Almacabra Teatro-Circo con Nas nubes, Lusco e Fusco con Encontros, Arrepentimentos de Padrón con ADN e Roces e Goces co seu espectáculo homónimo).


Español



Axencia Galega das Industrias CulturaisXunta de Galicia