Actualidade




Actualidade

O CONSELLEIRO DE CULTURA PRESIDIRÁ O ACTO MATINAL DE APERTURA DA ZONA DE MERCADO E A ENTREGA DE PREMIOS DRAMÁTICOS DA AGADIC

Ónfalo Teatro con "Na meta (sálvese quen poida)" inaugura mañá a carteleira artística da XVIII Feira Galega das Artes Escénicas

[17/10/2010] A compañía Ónfalo Teatro, co seu espectáculo Na meta (sálvese quen poida) abre mañá en Santiago de Compostela a carteleira artística da Feira Galega das Artes Escénicas 2010, evento que, organizado pola Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) da Consellería de Cultura e Turismo, enfronta ao longo dos vindeiros catro días a súa décimo oitava edición cunha intensa programación de máis de 20 espectáculos a representar diante dos 150 axentes culturais acreditados e do público xeral.

Na meta

Ademais da función de Ónfalo, que terá lugar ás 16.00 h na Sala Mozart do Auditorio de Galicia, a xornada inaugural da Feira ofrecerá os pases doutros tres espectáculos: a peza de danza Hildegard a cargo do grupo andaluz Teatro del Velador (Aula de Cultura de Caixa Galicia, 18.30 h); A Nona, última creación de Teatro do Morcego (Teatro Principal, 20.15 h); e a montaxe titulada Homes…mulleres, o paraíso terreal, que defenderá Teatro de Ningures no Salón Teatro a partir das 23:15 horas.

Variedade de propostas
Outros dous escenarios da cidade, ARTeria Noroeste-SGAE e Sala Capitol, incorporaranse tamén como sedes do variado calendario de escenificacións que se prolongará ata pasada a medianoite do xoves 21, despois de ter acollido as propostas do resto de compañías participantes: Galitoon, La Rous, Dloira, Santiago Cortegoso, lagarta lagarta, SÓLODOSneodans, Chazafelhos, Trompicallo, Entremans, Abada-Carlos Blanco, Teatro do Atlántico, Elefante Elegante, Talía, Caramuxo, Janet Novás, Histrión, La Macana, Producións Teatrais Excéntricas, Lusco e Fusco, Arrepentimentos de Padrón, Roces e Goces, Duelirium, e Almacabra-Teatro Circo.

A actividade da Feira Galega das Artes Escénicas comezará, porén, xa pola mañá, cando queden abertos, tanto ao público expecializado como ao xeral, os 16 stands que conforman este ano a zona de mercado instalada no Auditorio de Galicia, ocupados polas seguintes asociacións, institucións e empresas: Altega Educación e Lecer, Área de Cultura da Deputación de Lugo, Asociación de Actores e Actrices de Galicia (AAAG) e Asociación Profesional Danza Escénica Galega (Danesga), Asociación Galega de Empresas de Servizos para Eventos (Agase), Asociación Galega de Novo Circo Pistacinco, Elefante Elegante, Escena Galega, Kachet, Kukas Producións Artísticas, Magos Profesionais de Galicia (MPG), Mago Teto, Palimoco Teatro, Talía Teatro, Teatro de Nigures, Teatro do Morcego-Compañía Residente de Narón e Teatro Galileo. Este espazo de exposición e encontro permanecerá aberto todos os días de feira en horario de 10.00 a 13.30 e de 15.30 a 18.00 horas.

O Auditorio de Galicia tamén acollerá mañá, a partir das 12.00 h, o acto inaugural que, presidido polo conselleiro de Cultura e Turismo, Roberto Varela Fariña, comezará coa execución da peza breve Sonata para dous a cargo do Centro Coreográfico Galego. Astrid Molinero, Lucía Antonella Sampieri, Carlos Ugarriza e Juan Miguel Hernández, recibirán os primeiros visitantes do recinto coa súa interpretación desta secuencia coreográfica, especialmente creada e dirixida para a ocasión por Mercedes Suárez.

Na mesma sesión matinal darase a coñecer o ditame e se fará entrega dos tres premios de literatura dramática que convoca a Agadic: o Álvaro Cunqueiro para textos teatrais, o Manuel María de literatura dramática infantil e as dúas modalidades (para rapaces e para adultos) do Barriga Verde de textos para teatro de monicreques.

Ligazóns

Español



AGADICXunta de Galicia. Consellería de Cultura e Turismo