Actualidade




Actualidade

ANIMOU OS AXENTES CULTURAIS IMPLICADOS A PARTICIPAR DUN PROCESO DE REFLEXIÓN SOBRE O MODELO FEIRAL CARA A IMPULSAR A SÚA PROXECCIÓN EXTERIOR E A SÚA FACETA COMERCIAL

O conselleiro de Cultura inaugura a Feira das Artes Escénicas como a "exhibición de forza" do teatro e a danza de Galicia

[18/10/2010] O conselleiro de Cultura e Turismo, Roberto Varela Fariña, presidiu hoxe a apertura oficial da Feira Galega das Artes Escénicas, que desenvolve a súa décimo oitava edición ata o xoves 21 en seis espazos de Santiago cunha carteleira artística de máis de 20 espectáculos e a asistencia de 150 programadores, produtores e distribuidores, entre outros axentes culturais, procedentes de toda a Península. Para o titular de Cultura, estas cifras son "unha exhibición da forza, da puxanza e do vigor do teatro e a danza que se producen en Galicia", como tamén da capacidade dos creadores e artistas que presentan aquí as súas novas propostas.

O conselleiro de Cultura, no stand de Magos Profesionais de Galicia

Roberto Varela incidiu no valor do encontro que organiza anualmente a Agadic (Axencia Galega das Industrias Culturais) como punto de reunión e intercambio entre os diferentes profesionais implicados no feito escénico e entre estes e os espectadores, ao tempo que animou a todos os axentes culturais representados a contribuír á "clara orientación comercial" que se lle imprimiu á Feira nas últimas convocatorias.

Análise construtivo e participativo
Incidindo na idea de reforzar o papel da Feira Galega das Artes Escénicas como espazo de negocio para a contratación de espectáculos, adiantou que a organización analizará a vixencia do actual modelo feiral abrindo un proceso de reflexión de futuro, "construtivo e participativo", no que serán tidas en conta accións distintas ou complementarias cara a "acadar a máxima proxección dentro e fóra de Galicia para as nosas creacións escénicas".

O conselleiro de Cultura visitou a sede feiral, instalada no Auditorio de Galicia, onde asistiu á execución da peza breve Sonata para dous -creada especialmente para a ocasión pola directora do Centro Coreográfico Galego, Mercedes Suárez- e, acompañado do director da Agadic, Juan Carlos F. Fasero, percorreu a zona de mercado onde se sitúan 16 stands de asociacións e empresas escénicas. No transcurso da inauguración deste encontro profesional, presidiu ademais o acto de comunicación do fallo e entrega dos premios de literatura dramática convocados pola Agadic: Álvaro Cunqueiro para Textos Teatrais, Manuel María de Literatura Dramática Infantil e Barriga Verde de Textos para Teatro de Monicreques.

"Inxección de talento"
Segundo destacou Roberto Varela na súa intervención, a heteroxeneidade e a calidade da programación desta XVIII Feira das Artes Escénicas -na que teñen cabida o teatro para público adulto e familiar, a danza e o novo circo- proban que "o xenio creativo galego pode desafiar os tempos de crise coa súa inxección de talento e de bo facer".

Esta variedade nas propostas ponse xa de manifesto no programa desta xornada inaugural, que ofrece a comedia negra Na meta (sálvese quen poida), da compañía de recente creación Ónfalo Teatro (Auditorio de Galicia, 16.00 h); o espectáculo de danza Hildegard, de Teatro del Velador, un dos tres grupos andaluces convidados a compartir carteleira co resto de formacións galegas (Sala Capitol, 18.30 h); A Nona, obra do arxentino Roberto Cossa que sube a escena da man de Teatro do Morcego (Teatro Principal, 20.15 h); e a obra Homes… mulleres: o paraíso terreal, producida por Teatro de Ningures a partir dos textos de Paula Carballeira, María Armesto e Santiago Cortegoso (Salón Teatro, 23.15 h).

A actividade artística intensificarase aínda máis na segunda xornada de Feira, durante a que o teatro infantil se incorporará ao cartel cos espectáculos Botazz! O swing do jazz, de Galitoon (Sala Mozart do Auditorio, 10.30 h), e La casa del abuelo, da compañía andaluza La Rous (ARTeria Noroeste-SGAE, 12.00 h). O adro da ARTeria Noroeste acollerá, así mesmo, a primeira das tres pezas curtas incluídas na sección paralela de showcases de danza: Tulipanes, de DLoira (13.05 h).

Xa na sesión de tarde, mañá exhibiranse as montaxes A filla de Woody Allen, da compañía de Santiago Cortegoso (Aula de Cultura de Caixa Galicia, 16.30 h); Cásting (a comedia), de Lagarta Lagarta (Sala Capitol, 18.00 h) e o espectáculo de danza Sólodos, de SÓLODOSneodans (Teatro Principal, ás 20.15 h).

Sarabela Teatro
Estaba previsto que Sarabela Teatro pechara a programación de mañá coa posta en escena de O incerto señor don Hamlet no Salón Teatro, pero a compañía ourensá suspendeu a súa participación na Feira en sinal de dó polo recente falecemento do seu xefe técnico e actor Suso Díaz. Na súa memoria, hoxe gardouse un minuto de silencio ao comezo do acto inaugural.

Ademais dos profesionais acreditados, que teñen reservadas as súas localidades para todos os espectáculos que soliciten, o público xeral tamén pode acceder de xeito gratuíto ás montaxes, sempre en función do aforo dispoñible. Cada espectador poderá retirar un máximo de dúas entradas por espectáculo na billeteira do espazo correspondente, que abrirá unha hora antes do comezo da función. No caso das propostas para público infantil e familiar, a organización da Feira convidou a diferentes colexios da cidade para concertar a asistencia dos seus alumnos a estas representacións.

Ligazóns

Español



AGADICXunta de Galicia. Consellería de Cultura e Turismo