Actualidade




Actualidade

O MANUEL MARÍA É PARA XAVIER LAMA E O BARRIGA VERDE, PARA XOSÉ A. NEIRA CRUZ NA MODALIDADE DE ADULTOS E PARA INACIO VILARIÑO, NA INFANTIL

O Álvaro Cunqueiro premia a Raúl Dans pola obra "Chegamos despois a unha terra gris"

[18/10/2010] Raúl Dans, coa obra Chegamos despois a unha terra gris, é o gañador da décimo novena edición do Premio Álvaro Cunqueiro para Textos Teatrais, galardón que recibiu esta mañá de mans do conselleiro de Cultura e Turismo, Roberto Varela Fariña, no transcurso do acto de apertura da Feira Galega das Artes Escénicas.

Raúl Dans recibe o Álvaro Cunqueiro de mans do conselleiro de Cultura

Coincidindo coa inauguración do encontro, que se desenvolve ata este xoves en seis espazos de Santiago, fíxose público ademais o nome dos gañadores do resto dos premios literarios que convoca a Agadic: Xavier Lama obtivo o Manuel María de Literatura Dramática Infantil polo texto Os reloxos preguiceiros de Néboa, en tanto que o Barriga Verde de Textos para Teatro de Monicreques foi para Xosé A. Neira Cruz por Pedra sobre pedra, na modalidade para adultos, e para Inacio Vilariño por Fábula galénica, na categoría de teatro para rapaces.

Roberto Varela presidiu este acto de comunicación e entrega dos premios, no que a presidenta do xurado, a profesora Dolores Vilavedra, desvelou o nome dos catro autores galardoados, que percibirán unha dotación económica de 6.000 euros cada un. Asemade e segundo establecen as bases, os textos poderán ser publicados pola Agadic nalgunha das coleccións de literatura dramática que mantén abertas en colaboración con diferentes editoriais galegas.

Protagonismo feminino
Raúl Dans alzouse co Álvaro Cunqueiro por un texto sobre un núcleo familiar en descomposición, no que as personaxes femininas son as protagonistas absolutas. Neste sentido, o ditame do xurado subliña da obra a súa "singular xenealoxía de mulleres de todas as idades", así como o tratamento non oportunista dun tema actual, contextualizado no conflito da identidade. A acta tamén fai referencia á sobriedade "moi eficaz" e aos diálogos plenamente convincentes da peza gañadora, ademais de á importancia que concede á memoria como "eixe de identidade dos individuos".

En palabras do seu autor, Chegamos despois a unha terra gris é "teatro de personaxes, da palabra como arma" onde antiheroes modernos protagonizan un "drama de feitura clásica". Mergullándose nas zonas escuras da alma humana, o texto ofrece unha mirada sobre "o estarrecedor descoñecido que todos levamos dentro" abordando as relacións de parella, os vínculos entre as persoas e as escravitudes destas unións, o inexorable paso do tempo, as frustracións, os fracasos ou as "débiles esperanzas que nos manteñen con vida".

Dramaturgo, guionista de cine e de televisión e actor de dobraxe, Raúl Dans é recoñecido por segunda vez co Álvaro Cunqueiro para Textos Teatrais, o galardón de máis longa traxectoria de todos os que se convocan no seu ámbito en Galicia, que xa recibira en 1994 con Lugar, obra que o Centro Dramático Galego (CDG) levou a escena en 1999. Tamén ten no seu haber o prestixioso Premio Born, que obtivo en 1997 con Derrota, e o Rafael Dieste para Textos Teatrais por Matalobos. En 2008, Espiral Maior editou todo o teatro breve do autor nun volume titulado Nun mundo hostil, coincidindo coa publicación de Nachtmahr, coeditada pola Agadic e Edicións Xerais e finalista dos premios da Asociación de Escritores en Lingua Galega.

Humor, fantasía e misterio
O V Manuel María de Literatura Dramática Infantil foi para Os reloxos preguiceiros de Néboa, de Xavier Lama, da que o xurado destacou a orixinalidade do tema, a fantasía na concepción dos personaxes, o alto grao de elaboración literaria e a singularidade do mundo creado, entre outros aspectos.

O humor envolve os diálogos e a acción, situada na cidade de Néboa durante unha "aparente rebelión" de todos os reloxos, que deixan de contar o tempo cos conseguintes trastornos para os seus cidadáns. Don Cuco Campá, o Superreloxeiro Experto no Cómputo do Tempo Todo, buscará a solución a este misterio descubrindo todo un mundo de segredos ao seu redor.

Xornalista, escritor e profesor da Facultade de Ciencias da Comunicación da Universidade de Santiago, Xavier Lama foi recoñecido con numerosos galardóns tanto pola súa faceta xornalística como pola literaria, que desenvolve en eidos tan diversos como a poesía, a narrativa ou o teatro. Estreáronse catro dos seus textos teatrais e dúas desas obras (O peregrino errante que cansou ó demo e Memoria de Antígona) foron postas en escena polo CDG. Tamén é co-autor de Bicos con lingua, que Talía Teatro vén representando desde o ano 2003.

Terceiro galardón para Neira Cruz
Canto ao VIII Premio Barriga Verde de Textos para Teatro de Monicreques, Pedra sobre predra, de Xosé A. Neira Cruz, foi a peza galardoada na modalidade de teatro para adultos. O seu autor obtén así por terceiro ano consecutivo un dos premios literarios convocados pola Agadic, despois de que a súa obra Sopa de xarope de amora fora recoñecida co Manuel María en 2009 e O punto da escarola, co Barriga Verde na modalidade de teatro para rapaces en 2008.

Segundo o xurado, en Pedra sobre pedra Neira Cruz demostra como un motivo artístico tradicional -neste caso, o Pórtico da Gloria- "pode ser susceptible de tratamentos novidosos". No ditame destácase igualmente o suxerente que resulta o texto "non só no nivel literario senón tamén no escenográfico ou mesmo no técnico", ademais da súa versatilidade estrutural, de xeito que pode resultar acaído tanto para montaxes de pequeno como de gran formato.

Xornalista, profesor universitario e autor especializado en literatura infantil, Xosé A. Neira Cruz sitúa esta peza no momento da construción do Pórtico da Gloria, co Mestre Mateo "afanado en protexer a evolución e remate" da súa gran obra que, malia todos os atrancos, chegou aos nosos días como unha das máis impresionantes mostras escultóricas do Románico europeo. Como explica o autor, Pedra sobre pedra conta "a historia dunha infamia frecuente: a vivida polos que sofren o expolio das súas ideas, dos seus proxectos, dos seus soños... con total impunidade".

Fábula actual
Esta é tamén a segunda ocasión en que o Barriga Verde recae en Inacio Vilariño, quen en 2009 foi premiado na modalidade de adultos por Auga que non vas beber... Este ano foi galardoado na categoría de teatro para rapaces pola obra Fábula galénica, da que o xurado salientou a "sinxeleza dunha historia que, porén, mobiliza unha ampla variedade de personaxes que, malia estaren maiormente inspirados no mundo das fábulas tradicionais, resultan ben actuais". A frescura e axilidade dos diálogos, así como as múltiples posibilidades escénicas que ofrece a estrutura da obra, son outros dos aspectos tidos en conta á hora de outorgarlle este premio.

Cunha ampla traxectoria profesional no ámbito do teatro de monicreques, na actualidade Vilariño compaxina a escrita teatral coa dirección da compañía Fantoches Baj e do proxecto expositvo galego-portugués Grandepequeno. En Fábula galénica, onde "hai animais que falan como as persoas e persoas que se comportan como animais", conta as aventuras do burro da tía Lola, personaxe inmortalizado polos gaiteiros Os Dezas de Moneixas no pasodobre do mesmo nome.

As catro obras gañadoras foron elixidas entre un total de 50 orixinais que optaban este ano aos premios da Agadic: 31 ao Álvaro Cunqueiro, 10 ao Manuel María e 9 ao Barriga Verde (6 na modalidade de teatro para rapaces e 3 na de adultos). Ademais de por Dolores Vilavedra, como presidenta, o xurado estivo integrado por An Alfaya, Ánxeles Cuña, Roberto Leal, Eduardo R. Cunha "Tatán" e Ricardo Solveira como vogais.

Documentación

Español



AGADICXunta de Galicia. Consellería de Cultura e Turismo