Feira Galega das Artes Escénicas




Feira Galega das Artes Escénicas

A Feira Galega das Artes Escénicas celebra do 18 ao 21 de outubro de 2010 a súa décimo oitava edición como a principal cita do ano para o teatro e a danza galegos, afianzada na súa dobre función como escaparate para a exhibición de espectáculos e como espazo de mercado para a contratación dos mesmos. Seis escenarios de Santiago de Compostela acollen o cartel artístico deste ano, que presenta as novas propostas de 21 compañías, 18 delas galegas, así como un programa paralelo no que destacan os showcases de danza e a actividade arredor da zona de stands.

Máis dun centenar de programadores, distribuidores e produtores de toda a Península están convidados a este encontro, no que o principal obxectivo é promover a presenza de compañías galegas nas programacións que confeccionarán os diferentes teatros, auditorios, circuítos e festivais cara á próxima temporada escénica. Neste sentido, mantense o programa de bonificacións á distribución exterior, de xeito que os programadores de fóra de Galicia que contraten producións galegas durante a Feira poderán beneficiarse dun desconto do 40% no caché do espectáculo.

O cartel de 2010, no que hai cabida para o teatro e a danza, selecciónase a través de dúas vías: unha obxectiva, en función dos niveis de distribución na Rede Galega de Teatros e Auditorios, e outra artística, a cargo dunha comisión nomeada pola Agadic que ten en conta criterios de calidade, innovación e actualidade das propostas presentadas, ao tempo que se encarga de elixir os tres espectáculos non galegos que se inclúen na programación deste ano. Ademais e na meirande parte dos casos, as montaxes aquí exhibidas atópanse no inicio do seu periplo polos escenarios, cando non se trata de estreas absolutas. Así pois, os programadores asistentes teñen na Feira unha oportunidade única de tomarlle o pulso á máis recente produción escénica galega.

Canto aos espazos de exhibición, a Sala Capitol e a Aula de Cultura de Caixa Galicia súmanse este ano a ARTeria Zona Noroeste, á Sala Mozart do Auditorio de Galicia, ao Salón Teatro e ao Teatro Principal como escaparate das propostas artísticas. O Auditorio repite, ademais, como sede principal da Feira Galega das Artes Escénicas, onde se localiza a oficina de coordinación, os stands de 16 empresas e asociacións do sector, un dos escenarios e mais o restaurante. Aquí se celebra tamén o acto inaugural, no marco do cal se dá a coñecer o ditame e se fai entrega dos tres premios de literatura dramática que convoca a Agadic: o Álvaro Cunqueiro para textos teatrais, o Manuel María de literatura dramática infantil e o Barriga Verde de textos para teatro de monicreques.

Español



Axencia Galega das Industrias CulturaisXunta de Galicia