AGADIC

Centro Dramático Galego


a_peste_580x250

CDG Obras: A peste

De Cándido Pazó (inspirada na obra de Albert Camus)

Ano: 2022

Cándido Pazó, director

A peste é unha versión teatral de Cándido Pazó, inspirada na obra de Albert Camus, coa que reflexionar sobre o comportamento da sociedade e dos individuos durante situacións de crise.

A historia conta o que sucede na cidade de Orán, a través da narración do doutor Rieux, durante unha praga de peste. A cidade vese asediada e os seus habitantes sometidos a unha corentena. A obra céntrase nos avatares dos habitantes encerrados, en como se enfrontan á praga e lle buscan un sentido á súa situación: primeiro nunha loita egoísta pola supervivencia e, despois, a través do esforzo colectivo e comunitario. Ao longo dun ano, a peste progresa ata que a dan controlado e desaparece. O pobo celebra con alegría a fin da peste, salvo o doutor Rieux que, tras o sacrificio fútil e a perda de seres queridos, só presenta un optimismo cauteloso, sabendo que a praga pode volver no futuro.

- - - - -

Fieis e libres
Cándido Pazó

A peste é, sen dúbida, un clásico da literatura universal do século XX, deses que raramente faltan na bagaxe dun lector medio. Só ese motivo xustificaría a ousadía de levarmos ao teatro esa magnífica novela. A razón estaba, faltaba a ocasión. E a ocasión chegou. Por desgraza, si. Pero non hai mal que por ben non veña.

Enfrontarse á lectura teatral dunha obra narrativa require dunha actitude axeitadamente dual: sermos abondo fieis para que a fonte literaria se recoñeza e se asuma, pero abondo libres como para que esa fonte poida habitar o palco coa obrigada pulsión e determinación escénica.

A esa vontade nos encomendamos, e así, fieis e libres, presentamos a nosa proposta dramática, unha das tantas coas que se pode levar ao estrado esa monumental alegoría escrita ao remate da II Guerra Mundial, unha das máis estarrecedoras pestes que asolaron a humanidade.

Quixemos facelo para falarmos tamén nós, agora desde a metáfora escénica, das actitudes individuais ante todo tipo de hecatombes colectivas. Da solidariedade e do compromiso persoal como expresión modesta, pero sobranceira, do que cada quen pode e quere dar. Do valor e do sentido da vida humana en si mesmos e non supeditados a causas superiores: relixiosas, políticas, ideolóxicas... E, igual que Camus no seu celebrado libro, puxemos todo o empeño dos nosos oficios de profesionais do espectáculo para establecermos un diálogo fluído, constante e directo cos nosos lectores teatrais, causa e fin desta nosa aventura: o público presente na sala.


Cándido Pazó
DRAMATURXIA E DIRECCIÓN

Nacido en San Paio de Navia (Vigo) en 1960, director, autor teatral, actor e narrador oral,foi o benxamín da xente de teatro que xurdiu ou que se deu a coñecer arredor das históricas Mostras de Ribadavia.

Como autor ou como director, ou como as dúas cousas a un tempo, estreou numerosas pezas, entre as que figuran, O Merlo Branco (Premio Xeración Nós de Teatro Infantil en 1989), Commedia, un xoguete para Goldoni (Premio Compostela en 1993, Premio de la Crítica del País Valenciano en 1994, Premio da Asociación Independente de Teatro de Alicante en 1995 e Premio María Casares ao Mellor Espectáculo en 2019), Nano (Premio María Casares á Mellor Dirección e á Mellor Adaptación, este último partillado, en 1999), O bululú do linier (Premio María Casares ao Mellor Texto Orixinal no 2000), Ñiqui-Ñaque (Premio Max ao Mellor Texto Orixinal en Galego en 2002), Bicos con Lingua, con outros autores (Premio María Casares ao Mellor Texto Orixinal en 2004), García (Premio María Casares ao Mellor Texto Orixinal en 2005), Emigrados, con outros autores (Premio Max ao Mellor Texto Orixinal en Galego en 2008), A piragua (Premio María Casares ao Mellor Texto Orixinal en 2008), As do Peixe (Premio María Casares ao Mellor Texto Orixinal en 2014), A casa do avó (Premio María Casares ao Mellor Espectáculo Infantil en 2015), O tolleito de Inishmaan (Premio María Casares á Mellor Adaptación en 2017), A Galiña Azul (Premio FETEN ao mellor espectáculo de monicreques 2017 e Premio María Casares ao Mellor Espectáculo Infantil 2018), A compañeira de piso (Premio do Certame dos Teatros Luchana de Madrid), Memorias dun neno labrego, espectáculo unipersoal, no que é tamén actor e do que se fixeron case 200 funcións a día de hoxe, ou Cigarreiras, versión teatral de La Tribuna de Pardo Bazán.

Ten dirixido ou escrito (obra orixinal, adaptación ou tradución) para compañías como Teatro do Malbarate, Teatro do Noroeste, CDG, Teatro de Adro, Teatro do Atlántico, Teatro de Ningures, A Escola da Noite de Coimbra ou Canadayr Théâtre de Bruxelas. Colabora asiduamente, nas súas funcións de autor ou director, con Talía Teatro e Títeres Tanxarina. Foi fundador, así como director de escena e autor titular, de compañías como Tranvía Teatro, Ollomoltranvía, Abrapalabra ou, na actualidade, Contraproducións.
No ano 2000 fixo parte dos autores escollidos na Maratón Europea da Creación Teatral, celebrada en Bruxelas pola súa Capitalidade Europea da Cultura.

Do ano 2000 ao 2008 foi profesor visitante na Escola de Música e Artes do Espectáculo do Porto.
Desde 1997 é narrador oral, estando presente en numerosas programacións de contos e monólogos cómicos de Europa, África e América Latina.

Como recoñecemento á súa traxectoria é Xograr de Outono do F.I.O.T. de Carballo e, no ano 2014, recibiu o Premio de Honra da Mostra Internacional de Ribadavia (Premio "Roberto Vidal Bolaño") e o Premio da Cultura Galega no apartado de Artes Escénicas.


Elenco:
Nacho Castaño: doutor Rieux
Evaristo Calvo: Grand
César Cambeiro: padre Paneloux, vello dos gatos, home do xornal
Xurxo Cortázar: Cottard
Salvador del Río: prefecto, carteiro
Casilda G. Alfaro: nai, florista
Paku Granxa: sra. Michelle, muller devota
Luís Iglesia B.: Tarrou
Miquel Ínsua: doutor Castel, policía
Tone Martínez: operario 2, García, limpabotas
Rebeca Montero: mestra
Marcos Orsi: operario 1, doutor Richard, Rodríguez
María Roja: nena, taberneira, sra. Rieux, muller de Rambert
Santi Romay: Rambert
Carlos Sante: cego, taberneiro


Inspirada na novela de Albert Camus

EQUIPO ARTÍSTICO:
Dirección e dramaturxia: Cándido Pazó
Escenografía e attrezzo: Dani Trillo
Vestiario e caracterización: Martina Cambeiro
Iluminación: Afonso Castro
Música e espazo sonoro: Guillerme Fernández
Asistencia de dirección: Belén Pichel
Asistencia de produción: Keka Losada

REALIZACIÓNS:
Escenografía e attrezzo: Equipo técnico do CDG
Vestiario: Equipo técnico do CDG
Coordinación e corrección de textos: Rosa Moledo
Fotografías e vídeos: Miramemira
Deseño gráfico: Trisquelia
ILSE: Chusa Pérez de Vallejo

Este espectáculo ten unha duración de dúas horas e trinta minutos e está dividido en dúas partes, entre as que se fará un descanso de dez minutos

Espectáculo recomendado para maiores de 16 anos


Ver todas

Galería de imaxes

Anterior Ampliar Seguinte



AGADIC Marca gráfica da Xunta de Galicia

Accesibilidade | Aviso legal