AGADIC

Centro Dramático Galego


Fotografía correspondente á montaxe Woyzeck, primeira obra estreada polo Centro Dramático Galego no ano 1984.

Creación e historia

Unidade de produción teatral -compañía de teatro- adscrita á Xunta de Galicia, o Centro Dramático Galego comezou a súa traxectoria en 1984 co obxectivo de contribuír á normalización e regularización da actividade teatral galega. Dende entón, o CDG vén desenvolvendo un constante traballo de produción e distribución de espectáculos teatrais, cun total de 68 producións e coproducións estreadas.

Foi en 1991 cando a compañía pública se presentou diante dos espectadores como centro -artístico- de produción do Axencia Galega das Industrias Culturais (da Axencia Galega das Industrias Culturais dende xuño de 2008). A súa adscrición a este organismo da Consellería de Cultura facilitou a consolidación do teatro institucional como un proxecto complementario e harmónico respecto do resto da escena galega.

Nestes máis de 20 anos de historia, as principais liñas de programación do Centro, cunha media de tres producións por tempada, apuntaron cara a varias direccións: recuperación dos nosos autores fundamentais, presenza dos dramaturgos galegos contemporáneos, incorporación á escena galega de grandes nomes da literatura dramática universal de todos os tempos, promoción do teatro infantil e proxección exterior do noso teatro, entre outras.

O sistema habitual de funcionamento da compañía é o concurso dun director de escena convidado, xunto co elenco interpretativo e o equipo artístico que se contratan segundo as necesidades de cada unhas das producións. Nelas involúcrase, así mesmo, un equipo técnico da AGADIC -talleres, son e iluminación, estrutura escénica, tremoias, vestiario, etc.-.

O CDG encárgase, así mesmo, da xestión do Salón Teatro de Santiago, único espazo de exhibición escénica de titularidade exclusiva da Xunta de Galicia e no que a compañía pública desenvolve desde 1999 un amplo período de representacións con cada un dos seus novos espectáculos.

AGADIC Marca gráfica da Xunta de Galicia

Accesibilidade | Aviso legal