AGADIC

Centro Dramático Galego


hamlet_580x250

CDG Obras: Hamlet

De Tito Asorey e Vanesa Sotelo a partir do texto orixinal de William Shakespeare

Ano: 2026

Tito Asorey, dirección

Funcións: do 19 de marzo ao 3 de maio. De mércores a domingo ás 18.00 h

SER, SOMOS
Fran Núñez| Director do Centro Dramático Galego

Hamlet é un texto ao que hai que volver sempre. O Centro Dramático Galego nunca montou Hamlet, o de Shakespeare, porque o de Cunqueiro si que se montou dúas veces. Así que, no noso caso, volvemos a Hamlet e chegamos por primeira vez aoHamlet de William Shakespeare.

Din que os clásicos son clásicos porque resoan no presente. Tamén porque falan de nós. E iso confróntanos.

Hamlet é un dos máis brillantes exemplos de teatralidade, de metateatralidade. Unha compañía de teatro dentro dunha obra de teatro, unha farsa honesta que expón a mentira e a podremia do ser humano. Por iso o teatro segue vivo en tempos de intelixencia artificial, de plataformas de contidos e de redes sociais, porque o teatro é un encontro, porque non hai nada que supere o ser e o estar xuntos. Uns, no escenario, xogando a ser e, outros, no patio de butacas, intentando ver sen ser vistos. Pero dun lado e doutro do pano sabemos que estamos a compartir un momento único que non volverá pasar, porque esa é a maxia do teatro.

En tempos de soidade, de illamento, de individualismo, lembrar que non estamos sós, porque como mínimo para que exista o teatro ten que haber dúas persoas: o que fala e outro que mire. Iso, hoxe, tal e como está o mundo, xa é moito. Porque á eterna pregunta de se somos ou non somos, que dicía Hamlet, o teatro dános unha resposta: somos. Somos parte de algo, somos seres sociais que compartimos, que nos encontramos.

Levamos dous mil anos anunciando a morte do teatro e cada día está máis vivo. Porque o teatro non deixa de existir mentres exista a necesidade do ser humano de compartir, de coidar, de acompañar. O teatro é iso. Din que un dos primeiros signos de humanidade foi un óso quebrado e soldado que se atopou nun xacemento arqueolóxico. Porque alguén tivo que coidar do outro. E o teatro é unha tarefa colectiva baseada niso, no outro, nese coidado entre o equipo artístico, o equipo técnico e o público. E por iso o teatro nunca vai morrer, porque é brutalmente humano.

Ás veces penso que a humanidade merecemos extinguirnos, pero logo penso que con iso extinguirase o teatro e pásame. Un anaco.


A TRINCHEIRA DO HUMANO
Tito Asorey e Vanesa Sotelo | Dirección e codramaturxia

Hamlet é, sen dúbida, a peza teatral máis famosa da historia, escrita arredor do 1600 por un home que pretendeu, coma Atlas, coller a esfera da Terra nas súas mans e, con ela, todos os asuntos humanos, e plantalos no seu pequeno teatro do sur de Londres, The Globe. Desde ese lugar, o teatro pasaría a ser un espello no que a humanidade puido observarse dun xeito crítico a través de pezas que son obras mestras inesgotables de pura paixón e acción escénica.

Hamlet é unha traxedia de vinganza na cal o seu protagonista, de xeito paradoxal, non ten as características propias dun heroe de acción, asolado por unha conciencia que lle dificulta habitar nun mundo moralmente apodrentado. A través da súa peripecia, a pluma mestra de Shakespeare constrúe unha peza poliédrica e dificilmente etiquetable que desborda os límites de calquera categorización, porque Hamlet é unha traxedia de vinganza, pero tamén unha peza sobre o amor e o maltrato; é a historia dun mozo que se sente abandonado pola nai, pero é tamén o relato dunha nai que loita por defender o seu dereito á felicidade; é unha das primeiras pezas que nos fala da saúde mental, un thriller de vinganza, unha historia de pantasmas, unha peza de teatro político, por veces filosófico e por veces metafísico, un drama psicolóxico, unha truculenta historia de violencia que acaba nunha tremenda carnicería final e tamén o reflexo da loita dunha xuventude que se ve obrigada a loitar pola orde dunha xeración anterior, deixando a súa vida nunha contenda que lle vén dada, pero que non elixiu. É, en definitiva, unha obra mestra sobre a dificultade de acadar a verdade nun mundo que fixo da mentira e da manipulación do relato a súa normalidade, e tamén a historia de dous mozos que se ven obrigados a vingar os seus pais, cando eles quizais non merecían tanto esforzo.

Todo iso é Hamlet, todo o humano cabe en Hamlet. Nestes tempos en que as máquinas semellan ser humanas, é esencial reflexionar sobre o que nos fai verdadeiramente humanos. Porque o problema quizais non é que as máquinas sexan cada vez máis semellantes a nós, senón que nós imitemos cada vez máis o xeito de pensar das máquinas. O abismo ao que nos fai asomar Hamlet pode ser un xeito de posicionarnos na trincheira do que realmente significa ser humano.


Elenco (por orde alfabética):

Sergio Abelaira
Cristina Andrade
Belén Constenla
Raquel Espada
Isa Garrido
César Goldi
Alejandro Jato
Marita Martínez
Iolanda Muíños
Anxo Outumuro
Pedro Placer
Adrián Ríos
Machi Salgado
Toni Salgado
Inés Salvado Gontad
Sergio Zearreta


Ficha artística
Dirección: Tito Asorey
Dramaturxia: Tito Asorey e Vanesa Sotelo a partir do texto orixinal de William Shakespeare

EQUIPO ARTÍSTICO
Escenografía: Carlos Alonso
Iluminación: Laura Iturralde
Vestiario: Saturna
Espazo sonoro e música: Xavier Bértolo
Maquillaxe e caracterización: Lorena Calvo
Movemento escénico e coreografía: Rut Balbís
Loita escénica: Xosé Piñeiro
Asistencia de texto: Melania Cruz
Axudante de dirección: Sara Rey
Asistencia de produción: Mariña Lestón

REALIZACIÓNS
Escenografía e attrezzo: Equipo técnico do CDG
Vestiario: Equipo técnico do CDG
Coordinación e corrección de textos | Asesoramento lingüístico: Rosa Moledo
Fotografías e vídeos: Miramemira, Rocío Cibes e Laura Iturralde
Cartel: OLS
Deseño gráfico: Trisquelia
Accesibilidade: Culturactiva S. Coop. Galega
Adaptación a lingua de signos e audiodescrición: Chusa Pérez de Vallejo
Servizo de mediación: Sheyla Fariña
Apoio en redes sociais: O Cable Inglés

Agradecementos:
Ilunion, Cidade da Cultura, Juan Bas, Iria Blanco, Faia Díaz, Anna Figueiredo, Lourdes Nistal e Lucía Senande

Duración: 130 minutos.
Espectáculo non recomendado para menores de 16 anos.


Documentos

Próximas representacións

21 de marzo de 2026
/// 18:00
Salón Teatro
Rúa Nova, 34. 15705, Santiago de Compostela
Teléfono: 881 867 229 (oficina) | 881 867 223 (despacho de billetes)
Venda de entradas

22 de marzo de 2026
/// 18:00
Salón Teatro
Rúa Nova, 34. 15705, Santiago de Compostela
Teléfono: 881 867 229 (oficina) | 881 867 223 (despacho de billetes)
Venda de entradas

Ver todas

Galería de imaxes

Anterior Ampliar Seguinte



AGADIC Marca gráfica da Xunta de Galicia

Accesibilidade | Aviso legal