AGADIC

Centro Dramático Galego


Novas

O CDG INICIARÁ A CONTINUACIÓN A XIRA DO ESPECTÁCULO DIRIXIDO POR DANI SALGADO A PARTIR DO PROXECTO DE ESCRITA CONXUNTA A CARGO DE JACOBO PAZ, VANESA SOTELO E RUBÉN RUIBAL

'Estigma' despídese de Compostela con tres últimas funcións no Salón Teatro

[15/05/2008] O espectáculo do Centro Dramático Galego (CDG) Estigma despídese esta fin de semana do Salón Teatro de Santiago con tres últimas funcións que terán lugar o venres 16 e o sábado 17, ás 20.30 horas, e o domingo 18, ás 18.00. A continuación, o CDG iniciará a xira galega desta produción dirixida por Dani Salgado a partir do proxecto de dramaturxia residente DramA3, iniciado no verán de 2007 como exercicio de escritura a tres bandas a cargo dos autores Jacobo Paz, Vanesa Sotelo e Rubén Ruibal, último Premio Nacional de Literatura Dramática.

Estigma

Xabier Deive, Xosé Manuel Esperante, Clara Gayo, Vicente de Souza e María Tasende conforman o elenco actoral da montaxe, na que tamén interviñeron Joan Galí (deseño de espazo escénico, vestiario e atrezzo), Baltasar Patiño (deseño de iluminación), Dolores Centeno (maquillaxe), Alex Rademakers e Francesc Sitges (audiovisual e espazo sonoro) e Andreu Raich (axudante de dirección e movemento escénico).

En total serán 13 funcións as que o CDG terá ofrecido en Compostela con Estigma, obra coa que a compañía pública culmina o seu plan de produción propia para a actual temporada escénica 2007-2008. As entradas para asistir a estas tres últimas funcións no Salón Teatro poden adquirirse no despacho de billetes dende dúas horas antes do comezo do espectáculo. Tamén están dispoñibles a través da billeteira electrónica no teléfono 902 43 44 43 ou na web de Caixa Galicia. O prezo das localidades é de 10 euros o venres e sábado (cun desconto do 40% para estudantes, xubilados, usuarios do carné xoven e desempregados) e de 5 euros o domingo, día do espectador.

Morte, terra e memoria

Dani Salgado foi tamén o coordinador do proceso de construción literaria desta obra, que contén imaxes poderosas, un percorrido inquietante e unha visión pouco optimista respecto ao ser humano. Cada un dos dramaturgos escribiu un acto, compartindo historia, espazo e personaxes, de tal forma que o obra contén tres visións difentes segundo a mirada de cada autor. Morte, terra e memoria son os elementos que guían esta nova proposta escrita en clave de suspense, un xénero pouco colleitado no ámbito do teatro. A trama do espectáculo sitúase na illa de Estigma, un lugar case deserto no que, trala erupción dun volcán, unha muller acabada de chegar investiga unha masacre, dous irmáns afrontan o destino que levan marcado na pel, a desconfianza aniña no seo dunha parella e do remoto continente chega un descoñecido.

A semana que vén a produción do CDG iniciará a súa xira galega con dúas funcións, unha concertada para centros de ensino e outra para o público en xeral, en Tui (Teatro Área Panorámica, 22 e 23 de maio), para continuar en Narón (Auditorio Municipal, 30 e 31 de maio), O Barco de Valdeorras (Teatro Lauro Olmo, 6 de xuño), Vigo (Centro Cultural Caixanova, 13 e 14 de xuño), Ribadeo (Auditorio Municipal, 20 de xuño), Ferrol (Teatro Jofre, 22 de xuño), Vilagarcía de Arousa (Auditorio Municipal, 27 de xuño) e A Coruña (Teatro Colón, 2 e 3 de xullo). Ademais, e como remate do período de distribución, o CDG presentará Estigma na Mostra Internacional de Teatro de Ribadavia (20 de xullo).


AGADIC Marca gráfica da Xunta de Galicia

Accesibilidade | Aviso legal