AGADIC

Centro Dramático Galego


Novas

CARLOS VILA, RUBÉN RIÓS, SUSANA CAAMAÑO E JORGE TABOADA INTERPRETAN UNHA ARREPIANTE HISTORIA INSPIRADA NO CASO REAL DO CANÍBAL DE ROTEMBURGO

O Salón Teatro preestrea mañá a curtametraxe de terror "La carne cruda", de Visual Think Films, con guión e dirección de Samuel Lema

[20/06/2013] A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria programa mañá venres, ás 21.00 horas, no Salón Teatro de Santiago de Compostela a preestrea da curtametraxe de terror La carne cruda, primeira fita producida pola empresa galega Visual Think Films. Samuel Lema é o director e guionista desta arrepiante historia, interpretada por Carlos Villa, Rubén Riós, Susana Caamaño e Jorge Taboada.

Imaxe do cartaz de ´La carne cruda'

Como explica o propio director, La carne cruda xira arredor dunha "transformación vital levada á súa máxima expresión física", inspirada no caso real do Caníbal de Rotemburgo. O seu obxectivo foi intentar reflectir, de xeito lúdico e honesto, a natureza escura e escatolóxica dos seres humanos a través dun traballo que dá forma dun xeito grotesco e mesmo traxicómico á expresión "o home é o mellor alimento para o home".

O resultado é unha fita que combina surrealismo, terror e sentido do humor e na que se coidan todos os detalles para acadar un contundente ton macabro: desde a fotografía de Luis Soralat ata a aplicación das novas tecnoloxías na xeración de imaxes por ordenador e nos efectos visuais de Rubén Ares, pasando pola maquillaxe FX de Alberto Hortas e a banda sonora asinada polo dj alemán The Left Hand Path e por Saúl Chapela, entre outras achegas.

Entrada libre
Para esta produción independente rodada en HD, abriuse unha campaña de crowdfunding durante a que se recadaron máis de 3.000 euros en achegas individuais que se destinan á contratación dunha empresa distribuidora para a difusión do seu traballo. Tras a súa primeira proxección mañá en Compostela, para a que a entrada é libre ata completar a capacidade do Salón Teatro, a fita iniciará a súa fase de promoción cara á participación en diferentes festivais de xénero e de curtametraxes.

La carne cruda é a terceira curta de Samuel Lema, tras a experimental Shoot (2010) e O show de…¸(2011), traballo este último que recibiu o apoio da Agadic a través da convocatoria de axudas á produción de curtametraxes de 2010. Lema é fundador e integrante de Visual Think Films, produtora coa que está a traballar no desenvolvemento previo de dous novos proxectos audiovisuais: a longametraxe Desde dentro e a serie de animación 3D Mis amigos los monstruos.


Documentación


AGADIC Marca gráfica da Xunta de Galicia

Accesibilidade | Aviso legal