AGADIC

Centro Dramático Galego


Fotografía da fachada do Salón Teatro, un inmoble de pedra, de baixo e dous andares cun balcón de ferro. Vista lateral do interior do Salón Teatro, co escenario e o patio de butacas.

Salón Teatro

Situado en pleno casco histórico de Santiago de Compostela, o Salón Teatro foi reinaugurado en 1999 tras unha intervención arquitectónica que permitiu recuperar para a escena galega este espazo do ano 1920, despois de dúas décadas sen representacións.

A primeira reconstrución deste inmoble foi promovida en 1919 pola Liga da Mutua de Señoras de Santiago, que encargou o proxecto ao arquitecto modernista Jesús López Rego. Cunha capacidade de máis de 500 localidades, forma de anfiteatro, un escenario reducido e unha sala dividida en dous andares, o recinto foi inaugurado o 30 de outubro de 1920.

Na súa orixe, o local do número 34 da Rúa Nova ideouse como sala de eventos e espectáculos para os socios desta Liga. Posteriormente, o edificio foi vendido a Acción Católica e, na década dos anos trinta, á Empresa Fraga, que o destinou principalmente á exhibición cinematográfica. En 1949 a Comisaría de Padroado Artístico encargoulle ao arquitecto Pons Sorolla a reforma da fachada, para darlle un aspecto máis digno e nobre.

A Xunta de Galicia adquiriu o espazo no ano 1996 e promoveu unha profunda remodelación do Salón Teatro, especialmente no seu interior, que foi deseñado polo Estudio de Arquitectura Baltar, Bartolomé e Almuiña entre os anos 1998 e 1999. Xunto a outras melloras dos espazos xerais e comúns, primouse un escenario máis amplo e ben dotado de servizos escénicos, o que reduciu a capacidade a 272 espectadores.

Xestionado pola Consellería de Cultura e Deporte a través do Axencia Galega das Industrias Culturais, o teatro abriu de novo as súas portas o 29 de outubro de 1999 coa estrea do espectáculo Si o vello Sinbad volvese ás illas..., de Álvaro Cunqueiro, a cargo do Centro Dramático Galego, que ten a súa sede neste local. Desde entón, o Salón Teatro acolle a exhibición en Santiago de todas as producións da compañía pública, ademais dun programa aberto ás distintas disciplinas escénicas.

Características técnicas do Salón Teatro

Planos do Salón Teatro en formato pdf


AGADIC Marca gráfica da Xunta de Galicia

Accesibilidade | Aviso legal